Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

27/07/10

Menú de enganos

Gústame este escritor. Gústame o seu sentido do humor, a súa retranca e gústame -en xeral, como escribe-. Xa falamos aquí de Comedia bífida e do xenial Mar de fondo: volvo reiterar que está inxustamente tratada pola editorial Galaxia, porque é, ao meu xuízo, unha moi boa novela que merecería unha mellor edición.
Manuel Núñez Singala presenta agora Menú de enganos, un libro que presenta unha gran tacha: engorda. Si, si, tal como o oídes. Engorda porque cando un abre o libro e ve o Menú (entrantes, primeiro plato, segundo plato, sobremesa) e un escolle e comeza a ler, percátase de que os quere comer absolutamente todos, así que maxinada o sobrepeso despois de tan opulenta comida.
Boísimo, a verdade. Creo que pode dar moito xogo, ademais, para un club de lectura, polas súa dobres interpretacións e polos xogos reais que trata. Recoméndovolo de verdade.

Inculturación

Alí parados os tres na espera do verde dun semáforo aparentaban unha posición acomodada: ela ía vestidade domingo, con tacóns, unhas mechas discretas no cabelo e a estola de pel; el, acabado de afeitar, de traxe azul escuroe gravata a listas, co xornal fresco baixo o brazo. A nena, catro anos, con marcados trazos orientais, levaba un traxe de galega moi “riquiño”. De fondo escoitábase a banda municipal tocando “Negra Sombra”.

Ela, asegurando o ganchete do seu marido, díxolle:

-Así que la niña te sea un poco más mayor, quiero que valla aprender chino.

-¿Y luego para que? -preguntoulle el.

-¿Para que va ser?, para no privarla de su cultura.


2 comentarios:

Ernesto dixo...

Singala mola!

Anónimo dixo...

Excelente xeito de presentar tan suculentos pratos.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.