Recibe os parabéns con ledicia, aínda que sabe que os dous anos que ten por diante o novo equipo -elixido por unanimidade- serán duros. Xa estivo na directiva, como secretario, hai anos, xunto a Fernán Vello, pero nesta ocasión dúas das palabras que marcarán o mandato serán lectura e crise .
-Crise económica, libro dixital, Internet... pois non parece que o momento actual vaia garantirlle unha presidencia tranquila...
-É un momento difícil, de tránsito, con moitos medos e incertezas. No noso sector, é de tránsito entre o modelo da comunicación impresa e o modelo dixital. De tránsito entre o modelo de editor e de catálogo, que foi o máis característico da edición en Galicia durante os últimos trinta anos, e unha edición onde o que se privilexia é a edición narrativa, onde parece que está o maior interese por parte do público. Isto provoca unha crise da comercialización e distribución do libro por medio da librería, que é ademais unha institución cultural que está nun momento complicado. E noso sector tampouco é alleo a crise económica. Temos, aínda por riba, as últimas medidas establecidas polo Goberno galego sobre a utilización da lingua galega no sistema educativo como lingua vehicular... o que tamén reduce noso mercado. Esas son as circunstancias que operan negativamente sobre nós. Pero os momentos de cambio son tamén de oportunidade, a de dar o salto definitivo ao paradigma dixital. É o momento de gañar un novo público para a literatura escrita en galego, que ten un potencial importante.
-¿Cales son as súas propostas para os editores?
-Basicamente somos continuístas dos proxectos iniciados pola anterior presidencia. O primeiro é a creación do clúster da edición, da librería e da empresa de todo o sector da edición do libro xa constituído, que é fundamental para a modernización das empresas. Tamén está o desenvolvemento dunha plataforma dixital que permita a distribución do contido, especialmente no ámbito educativo. Queremos contribuír á proxección da literatura galega nas feiras profesionais da edición, algo no que se dan pasos moi cativos, moi humildes. Tamén achegamos novidades propias de tipo máis gremial, como é dar a coñecer a historia da edición en galego, que é pouco coñecida. Os grandes editores de catálogo que houbo en Galicia antes da Guerra Civil, como Soto Freire, Fernández Latorre e Ánxel Casal, deberían ser figuras senlleiras da cultura galega, aínda por recoñecer.
-Di que queren consolidar a lectura na axenda política. ¿Que quere dicir iso?
-Os niveis de lectura nunha sociedade determinan os niveis de benestar. A lectura é un fenómeno transversal que representa esa competencia que todos os cidadáns teñen para entender o mundo contemporáneo. Non é só unha actividade asociada ao ocio. Temos que ser cada vez lectores máis competentes e no futuro lectores plurilingües. O tema da lectura nunca foi considerado un tema político no sentido de que sexa a sociedade a que se mobilice para mellorar esa competencia nos cidadáns. A sociedade ten asimilado que hai que promover condutas saudables na alimentación e noutros ámbitos da vida. Pois nós queremos que a lectura sexa considerada pola cidadanía como un hábito saudable no ámbito da sociedade.
-Nese sentido de crear lectores con espírito crítico, ¿que iniciativas e medidas concretas ten?
-Son moi importantes as que leva a cabo o ministro Ángel Gabilondo, é promover a lectura dentro da reforma educativa, do pacto educativo que se busca. Nesta sociedade de información, de diabetes informativa pola gran cantidade que recibimos, é necesario contar con lectores máis competentes, que saiban xerarquizar a información. Necesitamos un lector máis crítico, máis formado que nunca.
Sen comentarios
Publicar un comentario