Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

26/07/10

Sofía y el negro

Un cómic de Judith Vanistendael con prólogo de Enric González. Como reaccionarían teus pais se te namoras dun negro sen papeis? E se decides casar con el? Cal é a vida destes inmigrantes? Esta é a realidade que nos achega este libro, unha historia de amor ¿imposible? nunha sociedade occidental que non é tan tolerante como parece... cando menos, cando non nos toca moi de preto.
Quizais ese ton de denuncia que pretende non chega a callar de todo, aínda que si amosa o choque que vos veño de comentar. Dividido en dúas partes, quédome coa primeira, a que amosa o punto de vista paterno para contarnos a historia. Ten un toque de humor, de reflexión, moi apropiado. Na segunda parte comprendemos a loita interior desas persoas marxinadas que tanto levan sufrido e que seguen a ser afastados en todas as sociedades, incomprensiblemente.
Pero a sensación final do libro é que podía chegar un pouco máis lonxe, que non consegue de todo o que pretendía. Aínda así, é unha lectura recomendable, un cómic máis que debe ocupar os nosos andeis de novelas gráficas que traballan os Dereitos Humanos. Paga a pena lelo e reflexionalo. Aínda que non sexa unha obra mestra.
Grazas Ernesto.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.