Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

28/07/10

Vanakkam Benvidas

Cando estivemos con María Reimóndez en Vigo para falarmos do Club da calceta co club de lectura, falounos deste libro: Vanakkam Benvidas, editado pola súa ONG, Implicadas no Desenvolvemento. Un libro que, tal como afirman na introdución, é un tributo; un tributo á poesía, un tributo á muller, un tributo ás voces femininas galegas e támiles.
Resultoume apaixoante coñecer estas últimas voces, das que nada sabía... nin da súa existencia! Unhas voces que rachan cos estereotipos porque son liberadoras, porque nos falan coma se fosemos nós. Porque reinvidican liberdade e igualdade, mesmo soidade.
Coa introdución aprendemos que "o támil comeza a súa andaina literaria hai máis de dous mil anos. (...) a presenza de Andal é do século X, transgresora que rompeu a distancia entre o deus e as mulleres. (...) Os poemas de Kutti Revathi ou de Sukirtharani amosan como souberon arrepoñerse dende o feminismo a unha sociedade que durante séculos atou o seu corpo á honra, ao deber, á castidade ou ao seu valor complementario, a prostitución. Salma desfai a idea da familia e fala do contrato matrimonial..."
Déixovos uns versos desas autoras támiles descoñecidas, lembrándovos que neste libro atoparedes as voces poderosas dalgunhas das nosas máis importantes poetas: Marilar Aleixandre, Marta Dacosta, Yolanda Castaño, Yolanda López, María do Carme Kruckenberg, María Reimóndez e Chus Pato.
E se che amarga ler... escoitas os poemas no CD, que máis queres?

Cada día, no dormitorio
estas son as primeiras palabras que me saúdan:
"Daquela que tes hoxe?"
moitas veces
son tamén
as que me despiden.
Dende un milleiro de estrelas cintilantes
dedos acusadores sinálanme como puta
-unha vez máis-
e ps consellos flotan na noite tremente.
O miañar dunha gata coma un neno
incapaz de dar de comer á camada
cólleme polas entrañas.
Ti tamén
pode que teñas as túas queixas
mais o Tempo e a nosa historia
deixan claro
cal é o meu lugar agora:
Recibir un algo de amor
-por turbio que sexa-
de ti


Se non fose un conforto
de prez discutible,
inmediatez ou impostura
con máis altas aspiracións.
Se non fose unha cousa,
se non fose unha carga,
acceso directo a
información privilexiada.
Se non fose o abraio
dunha política colonialista.
Se non fose debilidade
pero sobre todo indelebilidade,
eu tamén
me deitaría contigo.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.