Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

03/08/10

Dez

Volve Rosa, a nosa máis fiel colaboradora, a nos recomendar a súa última lectura.
Grazas, unha vez máis.


Rinoceronte Editora achéganos, desta volta, á narrativa italiana contemporánea coa obra Dez de Andrej Longo. Son, en efecto, dez historias situadas en Nápoles, cada unha con protagonistas diferentes, pero que teñen como denominador común o ambiente de violencia, extorsión e degradación no que tratan de sobrevivir. E son dez historias, en dez capítulos, porque cada unha delas está relacionada cun dos dez mandamentos da relixión católica.

A crueza dos acontecementos narrados está habilmente acentuada polo sintetismo e a sobriedade estilística do autor. Alén diso, a escolla de narradores/as en primeira persoa e a abundancia de diálogos, breves e descarnados, conseguen trasmitirnos o grao de familiaridade que os protagonistas teñen con ese ambiente ineludible de brutalidade e violencia que é o seu día a día. A maioría destes protagonistas, son, ademais, xente moi nova, polo que o espazo para a esperanza é exiguo: o primeiro capítulo, “Amarás a Deus sobre todas as cousas”, e o último, “Non cobizarás os bens alleos”, son unha boa mostra desa desesperanza. As normas básicas de convivencia e respecto entre os seres humanos foron desterradas deste espazo napolitano…

Di na lapela de presentación do autor que o libro foi rexeitado por once editoriais antes de ser publicado por Adelphi. Esa será outra cuestión engadida para a reflexión.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.