Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

19/08/10

Relatos autobiográficos

Cando dixen inocentemente que nunca lera nada de Thomas Bernhard, o meu "compadre" Marcos correu a solucionalo agasallándome este libro... hai case un ano! Pero por fin, chegoulle o turno. E o que máis me sorprendeu foi ese xeito de escritura compulsiva que gasta este autor, con constantes repeticións e mesmo cursivas que o fan diferente e orixinal. Nestes cinco relatos que compoñen o volume lemos a Bernhard construíndose a si mesmo, o seu desprezo polo sistema educativo, o catolicismo e o nacionalsocialismo, unha autobiografía onde confesa medos e frustracións. De todos os xeitos, non me chama tanto a atención o contido como o estilo: frases subordinadas unha e outra vez, longuísimas, unha morosidade que, non sei como, non é monótona... case nunca; e este é, creo, o seu grande trunfo, mentres paseamos polas dores dun neno que olla as inxustizas e un adulto que se enfada porque a xente non as lembra. Ás veces nun parágrafo repite tantas veces unha palabra que non sabemos se estamos lendo cara adiante e cara atrás. A min, cando menos, abraioume este xeito de escritura. Fixádevos:
«Durante diez días estuvo mi abuelo expuesto en el cementerio de Maxglan, pero el párroco de Maxglan denegó su inhumación porque mi abuelo no estaba casado por la Iglesia, la mujer que dejaba, mi abuela, y su hijo hicieron todo lo humanamente posible para conseguir su inhumación en el cementerio de Maxglan, que era el que le correspondía a mi abuelo, pero no se permitió su inhumación en el cementerio de Maxglan, en el que mi abuelo había deseado ser inhumado»... e máis liñas semellantes.

Aínda que a súa densidade sexa tal, sen apenas puntos (os puntos e aparte non os coñece) creo que é un escritor que hai que coñecer. Collelo con alento e ir soltando ar pouco a pouco, mentres o protagonista -o autor- é quen de loitar contra o mundo e a súa propia existencia.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.