Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

09/08/10

Todo lo que muere

Se sodes amante da novela negra, ou se simplemente necesitades un "chute" da súa forza, coma min, lembrade este autor: John Connolly. Xa vos falei unha vez del, e con este libro, que tiña que ter lido primeiro, só fago reafirmarme. A verdade é que un tipo de lectura verdadeiramente feroz, que recorda aos máis clásicos americanos, cunhas descricións que non deixan lugar a dúbidas sobre a atrocidade das accións dos criminais. Impresionantemente violento. Desasosegante
E se digo que deberiamos empezar a Connolly por Todo lo que muere é porque aquí se nos describe o por que da súa situación posterior, do seu xeito de comportarse e mesmo desas estrañas criaturas que son os seus mellores amigos. Toda unha atormentada personalidade que se vai construíndo en cada páxina mentres el mesmo comprende que xa non hai volta atrás, que o mundo feroz que o rodea vén de sinalalo como unha vítima máis que deberá defenderse con unllas e dentes, caendo tamén el na máis terrible sede de vinganza. Viven nesta novela, como na outra que lin del, asasinos sen piedade, fanáticos do sangue que non teñen razón de ser. Non se buscan explicacións ao comportamento destes, son así, simplemente.
Vaia, que se queredes emocións fortes, leades esta obra. E creo que calquera deste autor. Cando menos, Todo lo que muere é, creo, unha obra mestra do xénero: eficazmente cruel en todos os episodios violentos -e non son poucos- que narra.
O comezo é brutal (gustaríame máis poñer unha expresión máis rotunda...)


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.