Gustoume esta novela de Manuel Portas editada por Xerais, Denso recendo a salgado, con trazos de novela negra ou cando menos policíaca. Novela coral onde os personaxes comparten -compartiron- xuventude e estudos, unha amizade común que a vida, como adoita suceder, foi partillando na maioría dos casos, aínda que agora coinciden -non sempre- destinos, traballos, familias... Gustoume esa presenza horaria en cada capítulo, intensificando a estrutura novelística nunha semana mentres imos debullando a vida de homes e mulleres que compoñen o cadro, nun protagonismo conxunto moi atractivo. Creo, porén, que o final non está ben conseguido, semella un pouco barulleiro, coma se o autor quixera rematar axiña e solventar a situación presentada a correr. Non pega ese ritmo acelerado co resto da novela, ese tiroteo sen xeito e ese desenlace que nos deixa un pouco pegados á última páxina anceiando que o remate sucedese doutro xeito, pois o ritmo inicial da novela, o descubrimento de personaxes, amores, odios, atraíanos doutro xeito. Uns personaxes reais que constitúen un dos atractivos desta lectura, propios, por certo, dunha novela coral onde ninguén é protagonista nin merece máis páxinas.
Moi recomendable.
Moi recomendable.
2 comentarios:
Carísima Graça. Coincido case de pleno co teu comentario e iso que eu non fago parte do entusiasmo pola novela negra, se callar porque me empapei delas na miña adolescencia e mocidade. Porén, nesta de Portas o que máis me interesou foi a crítica social, ao xeito dalgúns novelistas nórdicos. Seica a nova proposta de Rivas vai ir tamén por ese camiño ou iso din.
Apertas desde a Fisterra, que tamén é terra de "trapicheo", alén de moitas outras virtudes, que as ten e xa que digo que son moitas.
Miro
Eu, pola contra, disfruto coa novela negra, como unha droga: de cando en vez teño que me dar un chute. E tamén me empapei dela de moza (non habería outra cousa?) pero sigo necesitándoa para evadirme, ou cando teño unha "crise lectora".
Saúdos dende Lalín, terra de claroescuros...
Publicar un comentario