Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

07/09/10

La vida entera

Recoñezo que non me gustou tanto como agardaba cando o comprei, nun deses arrebatos levados pola portada e pola finta que reza unha frase de Paul Auster, recomendándoo. Aínda así, creo que paga a pena lelo, que está ben, aínda que non sexa un deses nos que afirmo categoricamente "TES que lelo!!!". Tamén presumo que detrás está tamén unha miña ideoloxía contraria ao que agora mesmo están a facer os israelís en Palestina, polo que esta guerra desde o seu punto de vista non me produce a mesma compaixón á hora de sentir a lectura.
David Grossman, autor de La vida entera, é un dos mellores novelistas actuais que posúe Israel. Nesta obra lévanos de paseo polo seu país e a intimidade dunha muller, nai antes ca nada, que debe andar para preservar a vida do seu fillo; mentres a acompañamos nos seus pasos imos descubrindo todo o seu pasado, o amor e a paixón, a tristura e o desalento, a intimidade máis sonora e a soidade máis cruel. O camiño supón ademais descubrir o poder da palabra: non só os pasos son importantes, senón tamén as verbas, a historia, a vida enteira que a protagonista decide ir contando ao seu acompañante. Así iran parellos ambos, camiño e historia, tan importantes un coma outro, para seguir adiante, para afrontar o pasado e encarar o futuro, para salvar a memoria dos que, por amor, non deben marchar de onda nós.
Unha historia interesante ofrece esta novela na complexidade dos sentimentos da protagonista, unha muller coma calquera outra porque, coma todas, sofre, sorrí, ama, discute, perde, berra, chora... e equivócase.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.