Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

20/09/10

Los ojos amarillos de los cocodrilos

Confirmado: estou en plena crise literaria. Un libro recomendado por todos os lectores que a min, unha vez máis, non me chegou a convencer. Efectivamente, lese. Quero dicir: lese ben. Pero é tan sumamente previsible! Tan... final feliz! Ben, se algún de vós dubida da xustiza poética deste mundo, faredes ben en lelo. Porque optimista si que é.
Katherine Pancol escribe en Los ojos amarillos de los cocodrilos unha revisión completa e actual da Cincenta; non lle falta ningún elemento. A madrasta clásica é substituída por unha nai déspota, unha das medias irmás vén sendo a súa irmá e a outra podería ser a súa propia filla... e por suposto, hai un príncipe azul que marcha, non ás 12 da medianoite, pero que regresará para amar e ser amado. E hai, claro, outras historias paralelas, de personaxes que sofren no amor pero que merecen unha segunda oportunidade... e que a terán. Porque este libro pon aos bos no seu sitio; os malos serán castigados finalmente pola súa ruindade. Como a vida mesma!
Se vos mergullades na Internet veredes que hai moi boas críticas. Así que o mellor será que non me fagades caso e que disfrutedes coa súa lectura. Non é unha gran obra literaria, creo que niso coincidiredes, pero visto o visto, gustaravos. E moito. A quen non lle gustan os finais felices? Aínda que sexa a base de personaxes estereotipados, de pouca profundidade, de botar de menos un xogo de planos.

1 comentario:

Isa dixo...

Coincido coa túa opinión.É unha historia que cando comenza parece moi interesante, pero enseguida cae no previsible ata o ridículo total, con personaxes pouco creibles.Para pasalo tempo,sempre que deixemos gardada a capacidade crítica, e mesmo o cerebro,..

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.