Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/09/10

Verano

Non me acabou de convencer esta última novela de J. M. Coetzee, un escritor que me encantou con Desgracia hai xa anos. Verano é a terceira entrega das súas memorias noveladas. Non mirei as anteriores, pero debido ás marabillosas críticas que deste traballo lera mergulleime na súa lectura, aínda que saín, como digo, un pouco afogada.
Si supón un xeito orixinal de enfrontarse a si mesmo, un distanciamento diferente para falar dun mesmo. Nesta obra preséntasenos un Coetzee xa morto que recorre á figura dun investigador que tentará reconstruír unha pequena época do escritor a través de cinco entrevistas a persoas que por diferentes razóns formaron parte da súa vida. Persoalmente, as partes que máis me gustaron foron a primeira e a última, onde se presupoñen uns escritos atopados sobre ideas a desenvolver en posibles novelas e onde descubrimos a verdadeira relación co seu pai.
Unha parte de incuestionable valor é a que nos declara o autor: o escritor é un home que non se atopa nos libros.; nestes, como máximo, atópase a súa imaxe. Por iso o narrador de Verano debe falar con quen o tratou, para coñecelo mellor, para comprendelo, para chegar a saber quen foi.
De todos os xeitos, é un libro que se le dun tirón, ben escrito, como non podía ser doutro xeitor tratándose de Coetzee, que nos agasalla con personaxes moi vivos e ben trazados, que nos indica como a poesía latexa no máis fondo da prosa.


2 comentarios:

Anónimo dixo...

Sinto discrepar, carísima Gracia. Lin Verao en portugués (xa que non o podo ler en galego) e como sempre o meu amado Coetzee non me defraudou. Engaiolante, no só a maneira de ficcionar a súa biografía (tan irreal como calquera outra que presuma de verídica), coma pola armazón técnica do libro e o xogo das perspectivas. Do melloriño que lin nos últimos tempos e lin moita cousa. Unha aperta, Miro.

Ronsel dixo...

Que ledicia reencontrarte, querido Miro! Pensei que nos esqueceras para sempre...
Agrádame que discrepes. Non estou pasando un bo momento e creo que iso me inflúe en que nada do que leo me guste.
Apertas

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.