Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

15/10/10

A escravitude do século XXI

Que pensabades, que non existía? Poderá estar máis ou menos disfrazada, agochada, esquecida, pero está aí, e debemos abrir os ollos e loitar en consecuencia.



Neste caso son as grandes firmas da industria deportiva as "beneficiadas". Segundo un informe do diario británico "The independent", máis de 280 fábricas de Nike, Puma e Adidas violan as normas laborais: de 479 fábricas inspeccionadas de Nike, 168 non cumprían an normas, o que conleva a total indeferenza cara ás normas que eles memos se impuxeran. Unha de cada cinco non proporcionou contrato aos traballadores, non tiña negociación colectiva, forzaba a menores a traballar e traballábase sete días á semana sen descanso. Os salarios, como non, non chegaban aos mínimos suxeridos pola empresa.

75 das 362 fábricas de Puma burla as normas relacionadas co número mínimo de horas de traballo ou de salario básico. Tres cuartas partes non manexan as normas de saúde en canto á manipulación de produtos tóxicos e... u-las medidas de prevención de riscos laborais?

Adidas nin sequera deixa investigar. Afirma que o 60% das súas 1200 fábricas cumpre coas normas, pero non facilita información para confirmalo.

Se todo isto pon os pelos de punta, estes son a punta do icerberg: as fábricas manexan un rexistro dobre de horas de traballo, o software está seguramente modificado para enmascarar a realidade e os traballadores están coaccionados para que respondan axeitadamente.

Isto é escravitude. E falamos só de marcas deportivas.

Vía

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.