Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

23/10/10

A segunda morte de Otero Pedrayo

Artigo n'A Nosa Terra:

Cando en 1976, corenta anos despois do alzamento fascista contra a República española, morría, de morte natural Otero Pedrayo, con el desaparecía a derradeira gran figura do que se deu en chamar «xeración Nós». Mais non só iso, desaparecía o primeiro novelista moderno de Galiza, e, tamén, unha conduta cívica exemplar, aínda que moitos de nós estivésemos a millas de distancia do seu pensamento. Desapareceu Otero Pedrayo e a Galiza antifascista honrou a súa figura. Tamén, cabe dicilo, apuntáronse outros que militaran e apoiaran o fascismo triunfante e rampante, mais non nos importou: sabíamos que Otero estaba connosco e nos estabamos con el.

A súa figura, a partir do seu pasamento, mais sobre todo a partir da aparición das súas obras escollidas (hoxe, infelizamente, paralizadas), a súa figura, como narrador e como pensador –eis ese libro insuperábel que é Ensaio sobre a cultura galega, por non falarmos do seu discurso de ingreso na Academia e outros textos que viron lume ben en libro, folleto ou nas revistas Nós e Grial–, foi medrando ante os ollos de todos aqueles que non só amaban Galiza, senón a literatura e o pensamento libre. Otero, malia a súa pouca «popularidade» actual como novelista ou pensador, converteuse nunha figura indispensábel para coñecermos a Galiza do século XIX e, tamén, a do XX, cando menos até 1936.

Non imos agora aquí referenciar as súas obras, indispensábeis en calquera biblioteca que se «prece»: non paga a pena. Ler a Otero Pedrayo, ademais, non é só descubrir Galiza, é tamén saber que estamos a entrar no territorio libre e libertario da literatura. Territorio libre e libertario que acaba, hai pouco menos de 72 horas, de ser lixado, usando como pretexto o nome de don Ramón Otero Pedrayo. E non só ese territorio ao que moitos non teñen a obriga de viaxar. Acaba de ser lixado o territorio da liberdade, o territorio da dignidade, o territorio da tolerancia, e tantos outros territorios que conforman o home (muller) e a súa liberdade e dignidade, que sería prolixo enumerar. Eses territorios, como digo, acaban de seren lixados e, con esa acción, ademais, asesínase, con alevosía e nocturnidade, a Otero Pedrayo: seis institucións galegas, as catro deputacións, a Xunta feijoniana e máis a Academia, outorgaron o premio Otero Pedrayo a Manuel Fraga Iribarne.

Non espero que representantes das deputación ou da Xunta dean explicacións do asasinato do que son reos e convitos, mais estou a esperar, con ansiedade, as motivacións que tivo a Academia para asasinar e lixar o a persona e o nome dun dos seus máis egrexios membros

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.