Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

21/10/10

Sempre hai un lugar para a poesía (LXXXIV)

Poema de Oriana Méndez que descubrín grazas a Chus Pato no Facebook. O poema acaba de se publicar nun libro colectivo "En defensa do poleiro" en contra da privatización do mosteiro/instituto de Celanova para convertelo nun hotel:

E o que permanece en nós contempla estrañamente esta viaxe
setecentos unicornios
como un dragón
unha sucesións de dragóns
unha luz azul resistente e longa
atravesando os aneis
unha cadea de recordos
ao longo do río
o son grave da memoria en sangue que se reproduce
que forma circuitos radiantes
que forma circuitos de serpes en resplandor
unha sucesión de dragóns
e as ameas do castelo
que levas dentro
partindo con empeño a índole
e a pel máis recente
esmigallada
e os ollos tenros
ardidos sobre a vandexa das idades
pero un único dragón que agarda
auxilia aos resucitados
rescata os que se enterran
arredor da lama
nas areas movedizas do bosque interminable
que nos agarda desde a primeira vez ata a fin do mundo
nesta viaxe sen saída ou sen alivío
É un percorrido tronzado
Estraviáronse
todas as formas de cazar unicornios
cativar as aparicións

Ou aínda o embrión aproximándose desde fóra
para instalarse no interior fervente
dos nosos corpos
axitados de ruptura
e devolverlle ao tempo a súa perfección

1 comentario:

Anónimo dixo...

Gran poema.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.