Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

15/11/10

Bailar nas nubes

Vanina Sarkoff é autora e ilustradora deste fermoso libro, Bailar nas nubes, publicado por Kalandraka e que foi finalista do III Premio Internacional Compostela para álbums ilustrados. E non me estraña. Que explosión de cor! Nas súas páxinas contemplamos a presenza do folclore latinoamericano cun toque naïf.
Unha reflexión sobre a convivencia, sexa a raza que sexa e a veciñanza. Como en tantos álbums infantís, dáse a acumulación concatenada de elementos, o que favorece a memoria dos máis pequenos. E por suposto, a confianza de que se perseguimos os nosos soños, estes acaban facéndose realidade. Porque non hai nada como a constancia.
Precioso.

4 comentarios:

Anónimo dixo...

Teño unha netiña de 20 meses (Martina). Sempre busco contos axeitados para lerlle. Os mellores, para min, os que non teñen texto; nos que tes que soltar a túa imaxinación para crear a historia...
Agradeceríavos que incluísedes algún nas vosas referencias, sempre tan ricas e atinadas.

Xabimusic

Ronsel dixo...

Terémolo en conta, moitas grazas. Algún debe haber colgado xa, creo lembrar. A verdade é que agora mesmo non teño nin idea, pero sei que algúns me teñen chamado moito a atención. Coñeces os de Suzy Lee en Barbara Fiore?

Anónimo dixo...

Pois, así, non lembro negún pero xa buscarei nas librerías. Graciñas.
A verdade é que aínda é un pouco pequena pero xa se vai quedando con cousas, sobre todo creo eu, de vocabulario. O seu gusto é pasar as páxinas dos libros, actividade para a que ten unha boa destreza (psicomotricidade fina, creo).

Pero non quero aburrirvos cos contos dun avó chocho.

Graciñas por atenderme.

Xabimusic

Ronsel dixo...

De avó chocho nada, por favor. Saber que lle les libros constitúe para nós un orgullo. E grazas por crer nas nosas recomendacións. En Kókinos tamén tes algúns libros sen palabras tipo pop-up preciosos: "ABC", "10", "Popville"... Os de Suzy Lee son "Espejos", "Sombras"...

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.