Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

23/11/10

A filla do ladrón de bicicletas

Teresa González Costa gañou o Premio Merlín de Literatura infantil con este libro, A filla do ladrón de bicicletas, ilustrado magnificamente por Jacobo Fernández Serrano e publicado por Xerais. Un libro moi axeitado que creo gustará ao noso alumnado máis novo. A verdade é que teño moitas ganas de llelo recomendar para saber a súa opinión, sempre máis axeitada por seren eles o mellor xurado para este tipo de libros. A autora acada o dominio das características específicas deste tipo de lectura: amor, aventuras, a personaxe maligna, a bondadosa, a entrañable, os ladróns trangalleiros, o final feliz, a comicidade un pouco demasiado ás veces conseguida moi arquetipicamente...
Gústame ese pouso de reflexión que xira arredor de certas condutas e de certos hábitos sociais moi extendidos nas nosas vilas máis pequenas coma o ruxe-ruxe provocador que chega a ser crido e aumentado) e que engaden normalmente neste tipo de literatura para que a mocidade non só lea senón que tamén reflexione, cuestión importante na formación dun lector cómplice.
A ver que opinan os nosos lectores máis novos!

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.