A idea máis estendida é que Lois Pereiro, escritor ao que se lle dedicará no 2011 o Día das Letras Galegas, deixou unha obra literaria tan intensa como reducida. A tese asentaba en que nos seus dous libros publicados en vida, Poemas 1981-1991 e Poesía última de amor e enfermidade (1995), non chegaban a cen as composicións e a súa novela Náufragos do paraíso -rescatada hai anos por Manuel Rivas para a revista Luzes de Galiza- era un texto inconcluso co aliciente, iso si, de descubrir as vertentes narrativas do poeta. Pero a realidade parece que é moi diferente: Positivas achegará aos lectores nos próximos meses Conversas ultramariñas, o emocionado diario que Pereiro escribiu durante tres meses en 1995.
¿Por que non saíra aínda á luz este texto, considerado por Paco Macías, o director de Positivas, como o mellor do escritor monfortino? As razóns son varias pero o segredo, como todo na poesía de Pereiro, está en Piedade Cabo, a muller que foi o seu "siamés", como a el lle gustaba chamala incluso despois de 1985, cando rompen a súa relación de parella e inician unha amizade alén do amor e da urxencia sentimental.
En 1995, Piedade Cabo pasou tres meses en San Francisco (California) facendo un curso inglés. Para poder soportar o gume diario da súa ausencia, a ansiedade da separación física, Lois Pereiro escribiu un diario que lle enviou por carta en dúas entregas, a última cando ela xa regresara a Galicia. Ata agora, Piedade Cabo gardou o texto nun caixón, en parte pola súa natureza íntima e en parte porque sente aversión polas obras póstumas. Porén, todo parece indicar que Pereiro era consciente da trascendencia dos diarios e de que o texto estaba listo para editar. Nunha anotación, a xeito de testamento, indícalle mesmo que poderá usalo se precisase os cartos. O que a decidiu a rescatar o orixinal non foron os cartos, senón a certeza de estar ante unha obra imprescindible para entender o mundo do autor, nacido en Monforte de Lemos en 1958 e morto na Coruña en 1996.
Os diarios diríxense expresamente a Piedade Cabo, protagonista xa de boa parte dos seus abondosos poemas de amor coa denominación de P. ou, incluso, como Piedad noutros textos. Piedad faise especialmente presente en Poemas para unha loia (Espiral Maior 1997), onde se recollen os textos aparecidos na revista Loia, editada en Madrid a mediados dos setenta por Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro, irmán do poeta. No volume aparece tamén Modesta proposición, o impactante alegato político que lle publicou Luzes de Galiza en 1996.
Conversas ultramariñas acaba converténdose nunha prolongación dos trazos que xa se apuntan nesa Modesta proposición, pero desde unha clave interna: Trátase dunha crónica escrita na encrucillada onde Pereiro se debateu ao último da vida. Unha encrucillada que fai referencia ao amor e á súa transformación nun sentimento de direccións múltiples, case místico, pero unha encrucillada pola que tamén transita o seu radical cambio na forma de concibir o acto da escrita e na forma de entenderse a si mesmo como escritor.
O texto, ao cabo, amosa a dirección cara a que se encamiñaba o máis enigmático, carismático e complexo poeta da chamada Xeración dos anos oitenta.
O EDITOR
Paco Macías: "O libro desmitifica a Lois Pereiro e mellórao"
O director de Edicións Positivas, Paco Macías, cualifica de "auténtica marabilla" Conversas ultramariñas, un título que entra no seu catálogo para convertelo, xa definitivamente, no editor por execelencia de Pereiro. En Positivas, apareceu en 1991 Poemas, libro inicial que daquela ninguén lle quería publicar e que Macías asumiu "como unha aposta pola poesía".
Algo semellante, aínda que en 1995 xa había máis interese editorial pola figura do poeta da dor, ocorreu con Poesía última de amor e enfermidade, un poemario onde Pereiro renova a escrita para deixar o que moitos consideran -e el así o dicía- o seu testamento literario.
Para Paco Macías, que non se considera "un mitómano", publicar o único inédito que deixou o próximo homenaxeado co Día das Letras non supón "unha alegría especial", pero si lle satisfai que Conversas ultramariñas sirva "para desmitificar a imaxe de Lois Pereiro e para mellorala: son cartas de amor pero tamén terxtos que deixan traslucir un home combativo, un home que case se quere converter nun guerrilleiro".
Lois Pereiro nas rúas de Vigo.
Máis sobre Lois Pereiro.
Sen comentarios
Publicar un comentario