Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

05/11/10

Todo é silencio

A miña querida amiga e colaborada Rosa adiántaseme na lectura (o meu segue agardando na mesiña: imposible achegarse!) de Todo é silencio de Manuel Rivas -editorial Xerais- para agasallarnos coa súa recomendación lectora cun texto fermosamente lírico, certeiro e áxil:

Hai escasamente un mes que chegou ás librerías Todo é silencio, a última novela de Manuel Rivas. Pareceume unha obra moi lírica, moi galega, moi universal e, por suposto, moi retranqueira; isto é, unha obra “moi Rivas”. Daquela, non debeu ser simple e feliz casualidade que buscase o seu título nun verso de Rosalía, “Todo é silensio”, máxime cando ten como asunto central a reconversión do contrabando en narcotráfico na costa galega.

A novela presenta dúas partes ben diferenciadas e significativamente denominadas “O silencio amigo” e “O silencio mudo”, porque o silencio é o cerne da máxima vital do capo denominado Mariscal: “Teñen boca e non falan. Teñen ollos e non ven. Teñen oído e non oen”.

Na primeira parte, a etapa do contrabando, os personaxes ocupan o primeiro plano e as súas actividades son máis ben un pano de fondo que axuda a definilos. Cada un deses personaxes parte dun arquetipo que o autor recrea con mimo, con dedicación, rompendo os moldes típicos con mestría e cun dominio da lingua extraordinario tanto nos diálogos como nas descricións.

A segunda parte, a etapa de “modernización”, é dicir, do narcotráfico, ten un ritmo máis rápido, os acontecementos sucéndense case sen tregua, van cos tempos. A trama desta parte resulta, por veces, previsible para quen coñeza a actualidade, pero aí seguen Mariscal, Brinco, Leda, Fins, Chelín... termando dela, aínda que cada vez se van semellando máis a marionetas controladas por fíos alleos.

En definitiva, porque temos boca e falamos, temos ollos e vemos, temos oído e oímos, recomendámosvos a lectura desta novela.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.