Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

12/12/10

La cena de los infieles

Un día unha amiga que estaba a pasar un mal momento pediume libros que a entretivesen. Cando xa estaba cavilando en cales lle ía pasar, puntualizou: "quero libros que me fagan rir". Difícil tarefa! Cavilastes algunha vez que a maior parte dos libros que lemos contan historias tristes, tráxicas...?
Pois ben, este é un libro co que botas verdadeiras gargalladas. Aínda que cara ao final estas gargalladas convértense en sorrisos e xa logo desdebúxanse.

Beryl Bainbridge é a autora de La cena de los infieles, un libro diferente que paga a pena, cun humor negro delicioso característico dos británicos. Escenas e comentarios que nos levan aos nosos propios sentimentos ata que todo se desbarata dun xeito hilarante. A autora é quen de lle tirar punta a cada situación e a cada diálogo, mesmo a cada pensamento, o que provocará o noso riso continuo, porque ata da situación máis tráxica ou difícil é capaz de debuxar o lado cómico daquela.
Unha novela moi cinéfila, polo ritmo vertixinoso e pola capacidade de humor que reborda. Non sei se está escrita para vingarse, tal como lin aquí, o que si podo afirmar é que pasa a ser unha das miñas recomendacións cando se necesite unha dose de humor. Coma este!.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Falta facía si. Haberá que ir a por el.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.