Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

08/12/10

O noso centenario de Miguel Hernández

Hai tempo que tiña que facer este post, pero enleada con outras actividades foime quedando no esquenzo. Antes de volver ás clases despois desta interminable ponte-neve deixo o testemuño dunha biblioteca reconvertida en poesía-música grazas ao traballo do equipo da biblioteca. A decoración non sería a mesma se non contásemos con Alicia Suárez, todo un luxo de compañeira que non só imparte aulas de Debuxo senón que é unha ilustradora habitual de Kalandraka; dela foi a feliz idea das andoriñas colgando do teito cos poemas ilustrados polo alumnado; traer a terra que simboliza o traballo e as reivindicacións do poeta... E a miña colega bibliotecaria en Forcarei, toda unha mestra dos detalles, Maribel Alonso, quen non permite que nada quede descombinado. Con ela chegamos ás mulleres destacadas da vida do poeta, e a total orde de cores que destacan na biblioteca, así como os poemas colocados estratexicamente.




Porén, quero destacar a clase maxistral que nos ofreceu a compañeira de música, Isabel García Pasarín, sobre a evolución da canción protesta. Déixovos con ela:

Seis textos musicados e un contexto musical: a conmemoración de nacemento do poeta alacantino Miguel Hernández. Co gallo deste aniversario tan redondo, o Departamento de música entoou un pequeno repertorio musical a través dos poemas de Miguel Hernández, centrándose principalmente naqueles versos que recollían o aspecto máis social das súas temáticas.

E así non cantamos as 40, pero si os 100 parabéns de aniversario a través de formas musicais da música popular que dalgún xeito forman parte da Canción protesta.

Comezamos a metade de percorrido, con Paco Damas, quen en 12 compases, solo de guitarra eléctrica e os poemas existencialistas de Guerras. Tristes Guerras, nos introduciu en materia da canción estrófica, presentándonos un efectivo Rock’n’Roll.



Vicente Monera toma o relevo e lévanos de pleno ao principio, ao lamento resignado do blues dos anos 20 con este mesmo texto Tristes Guerras.




En 1967, Pazo Ibáñez grava en París a primeira canción que terá como base un poema de Miguel Hernández, Andaluces de Jaén. Unha guitarra sinxela, directa, e sen disfraces conecta as reivindicacións do campesiñado andaluz da ditadura coa carga sentimental dos emigrantes/exiliados en Francia.





Un dos poemas máis optimistas e esperanzadores de Miguel Hernández, "Para la libertad", do libro El hombre acecha, que foi posto en música por Joan Manuel Serrat en 1972. A grandeza deste cantautor manifestouse na súa sutileza para crear unha obra na que se conxugan perfectamente a dificultade prosódica do poema cos acentos rítmicos do compás cuaternario, a beleza melódica e a elaborada produción instrumental.




Mocedades levounos en 1976 a vixiar a explotación infantil en Sudamérica con El niño yuntero. Para iso, mergullounos na escala pentatónica maior, a complexidade rítmica, o compás binario e a repetición de dúas frases musicais co esquema de pregunta-resposta propia do folklore musical dos Andes.




Finalizamos esta viaxe cun estilo musical moi presente na nosa actualidade: o rap. A versión da La Carta, de Hermo e 233 Grados entronca musicalmente coa forma musical nacida entre a poboación afroamericana a metade dos 70, cando os grupos da poboación negra de NYC se reunían na rúas do Bronx para criticar as poucas posibilidades económicas e sociais destes sectores da sociedade .




Todo isto explicóunolo Isabel á miña clase de Diversificación:





Se premedes aquí accederes á web do IES Ribeira de Louro de Porriño con material sobre este poeta.

11 comentarios:

Cristina dixo...

Deixáchesme sen folgos!
E iso que xa vira a exposición...
Moito mais que parabéns... Un bico na fronte! Moitas grazas por esta inesquecible lección!

Cris dixo...

Esta clase coa profesora de música e con Gracia foi bastante divertida, aprendimos a marcar os ritmos, escoitamos musica e lemos algúns dos seus poemas, a verdade e que non estivo mal.

brais dixo...

a clase estivo moi ben pero o contido non me gustou moito

iván dixo...

estivo ben porque puidemos coñecer mellor da vida de Miguel Hernández.

rafa dixo...

pareceume ben porque aprendín que cun poema pódese facer distintos tipos de música

vanesa dixo...

A exposición estivo moi ben foi divertida, interesante ,enela participamos todos.

martin dixo...

Pareceume unha clase divertida na que se mesturou a poesía coa música e mais aprendimos o que era unha canción protesta

yoli dixo...

a clase foi moi entretida, aprendimos como a un poema poñéndolle diferntes músicas sae unha canción moi diferente,parece mentira que a un poema poñéndolle música é moito mellor e máis divertido.

carmen dixo...

Foi unha clase moi entretida, aprendimos como os músicos lle poñen cancións aos poemas e o cantante fai variacións no texto

Noemí dixo...

Esta exposición estivo moi ben por que nela participamos todos,en diversas cousas como por exemplo facendo as cartas.

Xabi dixo...

Parabéns para a profe de música.

Fai algúns anos ( catro ou cinco) preparei unha versión do poema Tristes Guerras para a conmemoración do día da paz. O meu alumnado de 2º da ESO cantaron e tocaron (orquestra escolar) a versión que eu fixen do poema nun acto celebrado no vestíbulo do centro. Foi outro xeito de achegarse a Miguel Hernández.

Xabimusic

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.