Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

29/01/11

Berlín. Ciudad de piedra. Ciudad de humo
















I
mpresionantes dous tomos para este cómic de Jason Lutes editados por Astiberri (seica falta o terceiro). A novela gráfica ambiéntase na Alemaña de entreguerras, con dous personaxes principais e un elenco enorme doutros personaxes diferentes que se unen e se afastan para manifestarnos como era esa Alemaña convulsa dos anos 20-30, as diferentes opinións e os enfrontamentos, a vida dos xudeus, dos comunistas e a imparable e sorprendente ascensión dos nacionalsocialistas. No segundo tomo, Ciudad de humo, a vida avanza e a frivolidade fai mella na personaxe protagonista mentres asistimos á chegada dun grupo de jazz negro que nos achegará ao racismo máis exacerbado.
Mentres todo isto e moito máis ocorre, os lectores seguimos avidamente a vida dos personaxes sen reafirmarnos en ningún. Porque se nunha viñeta queremos defender a algún, na seguinte cambiamos de opinión, nun claroescuro constante de vidas e de violencia que deixa albiscar o que será a terrible Segunda Guerra. Porque, ademais, o cómic é unha pequena lección de historia que nos axudará a achegarnos mellor a estes anos de inquedanzas e depresión. E esta lección lémola sen nos percibir, porque a documentación do autor disfrázase baixo unha escritura e un debuxo redondo, fluíndo dunha viñeta a outra e dun primeiro plano a un afastado con total naturalidade.
Realmente boísimos.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.