Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

23/02/11

Marta ante o espello

Da man de Xerais podemos ler esta estupenda obra de teatro na nosa lingua: Marta ante o espello é de Teresa Calo Fontán, e aborda o sempre complicado tema da anorexia. Case cun monólogo, Marta vai informando a un suposto público, e algún que outro obxecto no escenario, como é a vida de adelgazamento dunha enferma, o sufrimento dos pais, o afán de superación, de ser a mellor, a resistencia, a báscula... e logo o abandono total ata chegar á morte. Mediante as súas palabras asistimos a vida de Marta -calquera podería ser Marta-, a conexión con outras enfermas, o xeito de enganar, a preocupación dos pais, o sentimento de culpa da nai, a sociedade que nos impulsa a este tipo de "beleza", a Internete que lle procuraba compañía e novas ideas... a complexidade psicolóxica deste tipo de enfermidades que tanto nos preocupa.
Paréceme moi acertada a utilización do espello e o esquelete para falar da distorsión corporal que sabemos que sofren. Así como todo o texto.
Encantoume. Tanto, que ata lle vou propór ao alumando representala na última avaliación. Non sei se terei éxito, pero dende logo recoméndovola enfatizadamente. E ollo! Sabemos que din que non é recomendable ter obras que traten estes temas nas nosas bibliotecas. Por que? Porque precisamente as enfermas buscan nelas máis "solucións" para enfrontarse ao día a día e non seguir comendo.

Por certo, xente do PLAMBE, fixádevos quen traduce!

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.