Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

04/02/11

Periferia

Interrompida polas lecturas sobre a Paz, chego á fin de Periferia. Váiseme facer difícil comentar a lectura deste libro-novela-crónica-estudo-tratadosobredesigualdadesociais. Porque Iolanda Zúñiga constrúe unha obra que vai máis alá: analiza e transmite pormenorizadamente a vida e a situación da favelas periféricas de São Paulo.
Periferia
é un libro contundente que cómpre dunha lectura demorada debido á súa condensación: non agardedes coller un libro de fácil lectura para ler nunha viaxe. Creo que é un libro para pararse e pensar: un libro que denuncia e novela, unha novela que estuda e contaxia, un drama real que musicaliza as diferenzas sociais. Porque, efectivamente, o libro é un compendio de información real, de denuncia, de música, de historia de amor, de tristura, de diferenzas sociais, de vida, de realidade... sen diálogos. Así de categórica e concluínte é a súa lectura: un universo que nos atrapa e que nos ensina a non esquecer.
Di Iolanda que foi egoísta cando decidiu salferir ritmicamente a lingua en cursiva... preguntámonos se sería posíbel esta mesma novela sen ese incensante ritmo portugués que chega a ser o prebe do libro.
Convidámosvos a participar nunha lectura sorprendente que, de seguro, non vos deixará indiferentes.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.