Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

05/03/11

Entre las sombras


Chama a atención sobre todo deste cómic a súa estética. Entre las sombras, publicado por Glénat, é de Arnaud Boutle, conta a vida dun único supervivente despois dunha misteriosa apocalipse, da que nada sabemos. O único que nos interesa é a vida en soidade dese home, a súa procura de sustento e sobre todo o sometemento dos recordos: o amor como constante -en branco e negro- mentres percorre os lugares habitados en tempos mellores. O que máis estraña é, quizais, esa loita diaria por seguir vivindo; para que ou por que nos aferramos á vida aínda nesas circunstancias?
Como xa dixen, a min chamoume a atención polos debuxos. Predominan os verdes no presente, posto que semella que unha especie de árbores xigantescas ocupan todo e van destruíndo edificios, combinadas co branco e negro cando nos ocupan as lembranzas e o pasado, o que suxire unha certa nostalxia máis que entendible e que aporta coherencia á narración.
Gustoume.

5 comentarios:

Maria dixo...

Apetece: polo deseño da capa e, como sempre, polo texto apresentativo.
Mais non entro a comentar por este post; é que acabo de saber dun dos premios que, a meu ver, ninguén merece máis: o concedido a esta casa -que xa cremos nosa- outorgado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, en calidade de blogue literario.
Parabéns muito emocionados e sentidos.

Ronsel dixo...

Moitísimas grazas, querida compañeira, pola túa xenerosidade. Pero non hai tal premio: hai nominación. Que para nós é, efectivemnte, un premio.
Unha aperta agradecida.

Maria dixo...

Asi é: ás presas lin a noticia e, escrito o comentario, voltei ao sitio da AELG e xa observei serdes, por agora, só candidatos. Debo mellorar a comprensión lectora. Mesmo así, ou por ser asi (nominación),ratíficome no expresado.
Abrazo

ana (biblosvivos) dixo...

Que boa pinta! Vouno anotar. Grazas

Cristina dixo...

Pois eu entro porque o comic tenme unha pinta estupenda... E por suposto tamén únome ao clamor popular...

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.