Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

13/03/11

O ano de Lois Pereiro (V)

De Caderno da crítica:

J. Luís Calvo e Carlos Gegúndez López
Lois Pereiro. O negro leite da aurora

Toxosoutos

Vanse cumprindo as expectativas e as publicacións, que dalgún xeito provocou a decisión da Real Academia Galega ao dedicar este Día das Letras Galegas a Lois Pereiro, van sucedéndose a un ritmo case vertixinoso pois xa se suman tamén estes días reedicións da súa obra e algunhas biografías como a que presenta Marcos Calveiro.

Nesta ocasión ocúpame un traballo asinado por dous investigadores que, no seu caso particular, ofrecen un ensaio que é resultado dun vagaroso labor de investigación e interpretación, tamén dunha actitude de devoción e sedución confesadas pola obra do autor de Monforte.

Deste xeito, o libro ábrese cun limiar de X. Manuel Pereiro no que, a xeito de presentación, apunta algunhas das claves literarias de Lois Pereiro como son a asunción e selección de compañeiros de viaxe literaria entre a tradición europea, pasada e presente; a posición a contracorrente do seu propio tempo, o seu universalismo militante e a vinculación coas raíces. Asemade repara repara na fotografía que serve de cuberta do libro, da autoría de Xosé Abad, na que posa o autor, con esa chiscadela pop depositada nunha botella de refresco xunto cun libro de Peter Handke, e mais reclamando a atención ao versos de Paul Celan escollidos polo poeta para presidir o retrato: “Schwarze Milch der Früe” (“O negro leite da aurora”) e que serven para titular o presente ensaio.

O libro subtítulase, acertadamente, “viaxe á xeográfía lírica de Lois Pereiro” e nel José Luís Calvo e Carlos Gegúndez subscriben un estudo de carácter integral, documentado e cheo de rigor, que parte da convicción por parte dos autores da orixinalidade da escrita pereiriana. O obxectivo confesado é, baixo o enfoque da socioloxía da literatura, contribuír a desvelar con argumentos esa orixinalidade e poder realizar, así, ademais dunha lectura emocional outra que sexa, se se quer, interpretativa.

No ensaio mestúrase a transmisión de experiencias lectoras, coa paixón sentida pola obra de Pereiro xunto con outros elementos máis propios da análise literaria e biográfica como é unha revisión de carácter vital, xeracional ou contextual do autor de Conversa ultramarina para ir salientando aqueles elementos clave do percorrido literario que representa: marxinalidade na que habitou, romanticismo poético, liberdade creativa absoluta ou raigames universalistas entre outros, axudándose de numerosos comentarios textuais de composicións consideradas, por distintas razóns, como relevantes.

Ademais dunha útil cronobiografía e mais dunha bibliografía “de” e “sobre” Pereiro engádese unha crestomatía poética en honra ao autor homenaxeado que agrupa composicións de Marica Campo, Lino Braxe, Manuel Rivas ou Xulio Valcárcel entre outros. En definitiva, outra meritoria reivindicación do legado literario de Pereiro.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.