Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

02/04/11

Día Internacional do Libro Infantil


Nesta edición o cartel é do ilustrador Jüri Mildeberg e o texto do manifesto da escritora Aino Pervik da sección do IBBY de Estonia: "O libro lembra".



Grazas á OEPLI (Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil) e á sección galega, GALIX, podemos acceder ao tríptico que presenta o texto de Aino Pervik nas catro linguas do Estado, e gozar del en galego:

“Cando Arno chegou á escola co seu pai, as clases xa comezaran.”
No meu país, Estonia, case todo o mundo coñece esta frase de memoria. Así comeza un libro. O título do libro é “Primavera”, que se publicou en 1912 e foi escrito polo escritor estoniano Oskar Luts (1887 – 1953).
“Primavera” narra a vida dos nenos dunha escola rural dun pobo de finais do século XIX en Estonia. Oskar Luts escribiu dos seus anos escolares. Arno é en realidade o mesmo Oskar Luts na súa infancia.
Os investigadores estudan documentos antigos e escriben libros de historia segundo estes. Os libros de historia falan de sucesos que tiveron lugar algunha vez. Nos libros de historia un non entende ben como era a vida da xente corrente daquela época.
Non obstante, os libros históricos costumistas lembran feitos que non atopamos nos documentos históricos, como por exemplo o que pensaba un rapaz como Arno cando hai cen anos ía á escola. O libro lembra os soños dos nenos, as súas dúbidas, os seus gustos e as súas afeccións. Tamén lembra aos pais dos nenos, como lles gustaría ter sido a eles e o que desexaban para o futuro dos seus fillos.
Por suposto que hoxe en día tamén se poden escribir libros de tempos pasados e estes son adoito apaixonantes. Pero en realidade, un autor de agora non sente os olores, os sabores, os temores e os gustos dos tempos remotos. El xa sabe o que aconteceu, o que o porvir lle tiña velado á xente daquel tempo.
Os libros lembran a época na que foron escritos.
Coas novelas de Charles Dickens sabemos que lle parecía a un neno a veda nas rúas de Londres a mediados do século XIX, cando Oliver Twist paseaba por elas. A través dos ollos de David Copperfield –que eran os mesmos ollos de Dickens- tamén nós vemos toda clase de tipos que vivían na Inglaterra de mediados do século XIX, cales eran as relacións entre eles e cales eran as ideas e emocións nas que se fundamentaban. Como David Copperfield é en gran medida Charles Dickens, este non tivo que inventar nada; el simplemente sabía.
Os libros dannos a coñecer o que realmente sentían Tom Sawyer, Huckleberry Finn e o seu amigo Jim ao navegar polo Mississippi a finais do século XIX, no momento no que Mark Twain narraba as súas aventuras: el coñecía profundamente o que a xente da súa época pensaba dos demais, porque el mesmo vivía entre eles. El era un deles.
As obras literarias que foron escritas na súa mesma época, cando a xente daquel tempo aínda vivía, son as que falan de xeito máis auténtico da xente do pasado.
O libro lembra.

Aino Pervik



3 comentarios:

Xabi dixo...

Estonia entrou no meu imaxinario cando lin a novela PURGA.Agora volve coa referencia de Ronsel ao cartaz do Dia do Libro Infantil. ¿Coincidencias? Pois para incrementar, se cabe, a paixón por este pequeno país (a Galicia do Báltico) aí vai unha mostra do seu nivel musical
http://www.youtube.com/watch?v=mFmD1Vk3K5E

Ronsel dixo...

Que feito es (cando queres)!!! Moitas grazas pola aportación, e polo comentario, e...

Ronsel dixo...
Este comentario foi eliminado polo autor.
Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.