Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

06/04/11

Marineda City “presume” de ignorar o galego

Dende Prolingua:

A semana que vén terá lugar a inauguración do centro comercial Marineda City, preto da Coruña. A campaña de publicidade xa comezou hai uns días, con anuncios unicamente en castelán tanto no seu canal de Youtube como na TVG. "¿De que presume Galicia?", din, e a actriz María Castro responde "De tener complejo... el mayor complejo comercial de España". A precisión sobra: podían dicir que teñen "complejo", sen máis. "Complejo" de seren galegos, pois non doutra maneira se explica o total desprezo á nosa lingua do que fan gala, tamén no sitio web, dispoñible en (deficiente) castelán e que ofrece un PDF informativo en inglés, mais nada, absolutamente nada, no idioma propio do país.

O compañeiro de ProLingua Xabier Cordal envioulles a seguinte carta, que compartimos con todos os lectores por se queredes facer vosa a súa iniciativa:

Ofrézome como asesor publicitario e dígolles a vostedes, de maneira totalmente gratuíta, que a campaña de lanzamento do seu centro comercial se dirixe a unha Galicia que non existe. Ninguén discute que haxa centos de miles de persoas que falan habitualmente en castelán no noso país; o que parece incrible é que ignoren vostedes que máis do 50% da poboación se expresa en galego. E como demostran as campañas doutras empresas con menos prexuízos ca esta (vid. "R"), o uso do noso idioma na publicidade é un elemento de prestixio e de interese para o público. Co uso exclusivo do castelán, incluso na TVG!!, parecen insinuar vostedes que non lles interesa o cliente potencial máis numeroso, o que usa o galego -por fortuna, cada vez con menos complexo; incluso cando o usa pouco e, en moitas ocasións, tamén orgulloso del mesmo cando non o usa-. Se pensan que a imaxe de modernidade e a lingua deste país son incompatibles, máis ca unha boa estratexia de publicidade precisan terapia nun centro de ensino medio. Pode que estes detalles e estas reivindicacións lles parezan irrelevantes. Pero eu, como coruñés, farei o posible por que a miña familia, que son uns cantos membros, non pisen o centro comercial mentres non mostre respecto por TODA a clientela e non unicamente por aquela que, con criterio cosmopailán, parecen asociar vostedes aos "grandes" (?) números. Están a tempo de rectificar. Se non o fan algúns seguiremos indo ao pequeno comercio, tan necesitado de apoio, e garántolles que faremos o que estea na nosa man por espallar este desprezo persoal e colectivo. Cando digo "faremos" se cadra pensen que somos catro. Continúan calculando mal. Que teñan un bo día.

Se queredes contactar con Marineda City, podedes facelo a través deste formulario ou ben directamente no correo xeral comunicacion ARROBA marinedacity.es

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.