Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

05/04/11

¡Puta guerra!

Da man de Norma, este verdadeiro alegato contra a guerra asinado por Tardi e Jean-Pierre Verney. De subtítulo, 1914-1919. Así que xa sabemos antes de abrir o libro que nos imos enfrontar á Primeira Guerra Mundial, menos literaturizada que a Segunda. Claro que, e nas súas propias palabras, toda guerra é unha puta guerra, e o título do libro podería se referir a calquera desas guerras que o ser humano ten a vén converter en episodio repetitivo da historia.
Puta guerra! é un cómic indispensable para achegarse á Primeira Gran Guerra. Un libro que constantemente fala da crueldade e da morte dende o punto de vista dun soldado francés, un albanel que non entende que fai alí, por que debe matar a outros seres humanos que aparentemente son iguais ca el, e que ve con horror como a miseria e a morte propágase ao seu arredor. As ilustracións, así como a lingua, amosan sen trabas a crueldade e a crueza, mesmo utilizando o sarcasmo para denunciar as mentiras dos políticos e dos dirixentes que dende as súas casas asisten impertérritos á matanza de miles de persoas. E para rematar, fame e miseria, o que supuxo os alicerces da Segunda Guerra Mundial.
Non sei se máis pero si tanto, este cómic tórnase doutra volta imprescindible para reflexionar sobre o que supón a guerra, a Guerra, sexa cal sexa esta, pero tamén para ter unha visión máis clara do que foi aquela, unha guerra clasista e trascendente que ás veces tendemos a esquecer.
Este libro que teño entre as mans é ademais unha edición de coleccionista que inclúe un DVD documental e un dossier con fotos da época. Completísimo.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.