Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

09/04/11

Solar


A última novela de Ian McEwan é Solar, publicada por Anagrama. Recoñezo que non me gustou demasiado, fíxoseme un pouco pesada. Cun protagonista totalmente patético, e co cambio climático de fondo, temos momentos para a gargallada e para o odio, posto que, xa digo, o personaxe principal é covarde, egoísta, mentireiro, manipulador... Un home totalmente imposible, a quen no fondo non lle importa nada nin ninguén agás el mesmo. Resulta mesmo esperpéntico.
Subxace tamén na obra unha crítica aos científicos e á investigación ambigua, a eses datos inescifrables e equívocos sobre quecemento global e enerxía. Este convértese mesmo en trasunto do protagonista, pois a terra pode desaperecer se non cambiamos de actitude, igual que lle sucede a aquel se non o fai. Claro que el non está disposto a volverse atrás en ningún momento, pechado nunha espiral de mentiras á que dificilmente lle pode pór fin. Como nos ocorre a nós co planeta: preferimos seguir coas nosas vidas sen nos preocupar do futuro.
Típico deste autor é o plantexamento de dilemas morais. Fíxoo, cando menos, nas outras novelas que del lin (a represión na educación). E segue nesta. Só que o dilema non é tal ao presentarnos un personaxe tan inequivocamente amoral. Eu, polo menos, non quero a súa salvación. Si a do planeta.
Queda, entón, esperanza?


8 comentarios:

Xabi dixo...

Bueno, ¿pero que é o que non che gusta: a persoalidade do protagonista ou a novela?
O protagonista é, evidentemente, a caricatura dun científico... pero a novela si que me parece moi completa e seria...

Ronsel dixo...

Xa sei que é completa e seria... pero hai non me acaba de convencer, non pola personalidade do protagonista, claro, ao que chegas mesmo a lle coller cariño polo patético que é. Pero resultoume algo pesada.

Ronsel dixo...

Por certo, isto quere dicir que a remataches e non me dixeras nada?

Xabi dixo...

A piques, a piques... Non sexas mal pensada, que eu non son tan retorcido... hahaha

Ronsel dixo...

mmmmm
retorcido, non, pero retorto...

Xabi dixo...

Vale, acéptase a corrección (non hai coma tratar con xente culta).
Pero, falemos do libro. Para empezar resulta divertidísimo. Ten secuencias dignas de Buster Keaton coma a da viaxe ao Polo Norte sobre todo as peripecias para vestirse o traxe polar ou para conducir a moto. En xeral todo a novela está salpicada deses toques de humor un tanto sarcástico e ácido do autor...

Ronsel dixo...

Non era unha corrección: pretendía ser unha ironía

Ronsel dixo...

Xa vexo que a ti o libro encantouche. Si ten esas pasaxes que dis, e outras aínda máis surrealistas. O libro é irónico a tope, pero tamén ten outras pasaxes que e min resultáronme conhazo

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.