Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

20/06/11

Cama e conto

Fermoso texto de Gonzalo Moure e fermosas ilustracións de Lucía Serrano constitúen este libro publicado por Xerais: Cama e conto. Un relato tenro e delicioso que é en si mesmo unha petición: non deixedes de contar contos aos vosos pequen@s, igual que os seguides alimentando, a lectura en voz alta, compartida, é un alimento en si mesmo que eles procuran. Porque a lectura non é individual, senón que tamén é compartida; porque axuda a soñar, porque enriquece. E para que cada lector comprenda a importancia desta lectura en voz alto, ao anoitecer, ese pequeno tempo que unha nai ou un pai ofrece a cada fill@, o libro mestura as voces das personaxes, invítanos a sentir o mesmo cá nena pero tamén o mesmo cós pais, para que non permaneza ningunha dúbida.
Un libro sobre a lectura e pola lectura. Pero tamén un libro sobre o tempo compartido, sobre a importancia dos soños, sobre a infancia, sobre a familia, sobra a maxia dos relatos, sobre a marabillosa fantasía que cada un agocha no seu interior e que grazas á lectura desvélase.
Un libro para agasallar a todas as familias que comezan a selo para que non esquezan nunca a importancia da "cama e conto".
A xente que ten asistido a encontros das Bibliotecas Escolares ten coñecido o traballo de Ballobar. Sentímonos preto do libro e das palabras e sentimentos de Gonzalo Moure para con esta xente que tanto ten traballado pola lectura e pola cultura.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.