Hai libros que dende que os miras, aínda que sexa un pouco de lonxe, sabes te van conquistar. Deses que te chaman dende os andeis nos que están situados, que te obrigan a ser collidos, folleados e comprados, sen que o posible lector ou lectora poida facer nada para evitalo. Hai libros que teñen poderes estraños, que están seguros de si memos e que nacen para ser admirados. E sábeno. Hai libros que son en si mesmos pequenas obras de arte. Hai libros aos que nos gusta acariñar, sentir, ulir, bicar. Hai libros que, necesariamente, presumen de formar parte da túa casa e que saben que van ser ensinados a calquera convidado que se atreva a achegarse á porta do cuarto. Hai libros.
Estamos a falar de Kipling ilustrado, unha obra de arte que a editorial Kalandraka preparou para o MuVIM (Museu Valencià de la Il-lustració i de la Modernitat), que conta cos seguintes ilustradores: Ajubel, Pablo Amargo, Isidro Ferrer, Pep Montserrat, Pablo Auladell, Paco Giménez e Arnal Ballester e con textos do director do museo, Javier Varela; da comisaria da mostra, Lola Pascual, e mais da profesora da universidade de Barcelona, Teresa Durán.
Kipling foi un gran contador de contos e este volume amosa o seu complexo mundo.
Sen comentarios
Publicar un comentario