Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

15/06/11

Lois Pereiro. Breve encontro

Espectacular, non teño outra palabra para definir esta proposta de Jacobo Fernández Serrano: Lois Pereiro. Breve encontro. Un achegamento comiqueiro á biografía e á obra do poeta.
Encantoume por diferente, por radical, por un sincero e profundo traballo de documentación non só sobre a biografía do poeta senón tamén por un exhaustivo repaso dos gustos musicais, cinéfilos e literarios do autor a quen lle adicamos este ano o Día das Letras Galegas, así como un achegamento peculiar, breve e necesario á obra do poeta. En branco e negro, debuxos fantásticos que ás veces semellan case caricaturas e noutras son reproducións fieis da realidade, cunha estrutura case circular -pois comeza xa co personaxe da morte, tan evidentemente necesario para retomalo ao final-, un repaso completo e persoal de Lois en breves capítulos que facilitan -se cumprir- aínda máis a lectura do libro.
A edición é froito dunha coedición de Xerais e da Consellaría de Cultura.
Unha alfaia das nosas letras.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.