Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

18/06/11

Recendos de aire sonoro

Da man de Xerais, chega un libropoemariomusicado, ou un libro de poemas que escoitamos porque ten música, ou unha partitura que lemos porque é pura poesía. Xa sabiamos que a poesía e a música estaban intimamente unidas, pero Antonio García Teijeiro fainos unha demostración musicovisualpoética completa en Recendos de aire sonoro. Percorre o autor notas e partituras, instrumentos e cancións, para lles confirer a todos eles unha nova vida de poesía; e faino con elegancia, con ledicia, con habelencia. Sabe chegar á música de todos eles para pórnos en bandexa a música que podemos escoitar se prestamos atención, facendo fincapé nunha homenaxe xenial e auténtica a grandes músicos e cantautores. Así os versos poden da súa man peitear instrumentos de corda, colorear pianos, arrolar frautas... todo cabe neste fermoso poemario que ofrece autor para que os máis pequenos non fuxan da beleza que ambas artes, música e mais poesía, ofrecen.
Non esquezamos as ilustracións de Fino Lorenzo, quen conxuga a técnica da colaxe con grandes trazos de cores para conquistar a suxestión no lector: achegarse aos versos sen ningún tipo de temor e permitir que a harmonía poética ocupe o seu espazo.




Unha man
bica a arpa
na procura
dunhas notas
delicadas
que me encantan.
Arpa azul
cordas brancas
tremen tolas
soben baixan.
Cala o vento
na distancia
sobe a man
a man baixa
medran notas
delicadas
que me encantan
que me encantan.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.