Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

03/07/11

Carta ao conselleiro

Chega ao correo esta carta de resposta ao conselleiro:


Estimado conselleiro:

Diríxome a ti para agradecerche o especial esforzo realizado para escribirme esta carta, sobre todo nestas datas, que supoño son de moito traballo, o mesmo que para min. Considero que é de boa educación responder a unha carta a min remitida e tómome a liberdade de atuarte seguindo o teu exemplo.

Ao longo deste curso que agora remata impliqueime moito co alumnado e co centro e está ben que o recoñezas, pero... coido que non o estás facendo do xeito requirido, deberías darme, de cara ao vindeiro curso, menos horas de traballo para compensar a baixada de soldo (claro, non só a min, senón a todo o profesorado, pois estamos nas mesmas condicións).

Tal e como dis “non se che esconde que a actual situación de cambio debuxa unha sociedade en tránsito, cun escenario que en nada semella ao de hai uns anos. Pasados os tempos de bonanza, a todas e todos os cidadáns se nos esixe un importante esforzo de adaptación á nova realidade” estamos en crise, eu estou agardando que ti e todos os conselleiros, directores, xerais, subdirectores,... sexades un exemplo, baixando o voso soldo, incrementando o voso horario laboral, renunciando a coches oficiais,...en fin, todas esas “cousiñas” que custan tanto.

Ben sei que es docente, pero polo que teño lido de ti, exerces na universidade, e non é comparable nin o horario nin o tipo de docencia que se imparte, e moitísimo menos o alumnado co que se traballa. Eu como docente son consciente de que a educación se atopa sempre no punto de mira da sociedade, pero coido que ti non, pois coa medida que acabas de tomar parece que nos tratas de persoas pouco traballadoras ás que lle hai que reestruturar o horario para que traballen máis (dicir que pasaremos de 21 a 25 horas lectivas é unha falacia coa que se pretende engaiolar ao resto da sociedade). O que supón este cambio é diminución de profesorado nos centros, pero na realidade non vai supor máis dedicación profesional aos nenos e ás nenas, a min o que me vai supor é un cambio nas miñas funcións, pois pasarei a ser coidadora e vixiante (actividade que non desprezo, pero non é para a que eu estudei e me sigo formando cada día).

Certamente, como ensinante, como principal axente do sistema público educativo, dedico todos os meus esforzos á formación das persoas máis novas, construíndo a diario os piares para o desenvolvemento da sociedade. Efectivamente, este é o traballo para o que me preparei e polo que me pagan e é o que desexo seguir facendo, a non ser claro, que ti me sigas cambiando funcións e termine facendo de todo menos ensinar.

Como ti dis “día a día o papel dos educadores é máis importante e a sociedade esíxenos máis, aínda que os recursos son limitados”, ao respecto eu coido que deberías pensar en organizar os recursos doutro xeito. A vós, “como xestores públicos, correspóndevos a tarefa de acadar un equilibrio entre as obrigas da maior esixencia social e a excelencia educativa que é o voso obxectivo. Conxugar as necesidades do noso alumnado, as peticións das familias e as lexítimas aspiracións do profesorado é sempre imprescindible, pero máis aínda nos tempos actuais”, lendo as túas palabras creo que conxugas as peticións das familias, pero non tés en conta as necesidades do alumnado nin as do profesorado.

A xa tan mencionada medida de cambio de xornada lectiva non vai redundar en atender mellor á diversidade, isto o sabe calquera persoa que se dedique ao ensino en infantil e primaria, á diversidade se atenderá ben aumentando as plantillas, fomentando as coordinacións entre o profesorado, aumentando o profesorado de apoio especializado, diminuíndo rateos, dotando aos centros de recursos materiais adecuados, permitindo desdobres, ... Deberías propoñerte atender á diversidade diminuíndo as tarefas administrativas do profesorado en xeral e dos equipos directivos (e de paso creas emprego, contratando persoal que teña o perfil adecuado para ese traballo).

Para mellorar a calidade do ensino hai que investir nel, non recortar dereitos nin escatimar en profesorado. Hai que arranxar os centros, hai que modernizar os recursos materiais, hai que procurar unha formación do profesorado adecuada, con asesoras e asesores con formación sólida e experiencia comprobada e non simples persoas xestoras de cursos, ...

Pídesme a miña máxima colaboración na implantación desta medida (de máis horario lectivo), como ben sabes non podo decidir se o fago ou non, é algo que se me impón, así que non me vai quedar máis remedio que facelo, inda que se me ocorre que esta vixianza de transporte se podería evitar se o transporte escolar estivese repartido en máis compañías de autocares e non só en mans dunhas poucas (cantas menos hai máis tempo teñen que estar as nenas e os nenos nalgúns colexios, pois os autobuses fan reparto en moitos centros). Tamén se podería evitar esta vixianza se a fixesen as persoas acompañantes dos autocares.

Moitas grazas por comunicarme a aprobación da Lei de Convivencia e Participación e o que ela supón, sen embargo eu creo que a dignificación do labor docente require moito máis que esta lei. Non sei como vai ter autoridade docente alguén que deixa de ter función docente para ter función de coidadora de bus (eu véxoo como se sendo médica tivese que facer funcións de camilleira ou viceversa).

Non quero despedirme sen darche de novo as grazas por pensar tanto en min, tanto que ata dedicas parte do teu tempo a escribirme unha carta.

Atentamente,

Unha mestra

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.