Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

23/07/11

La Razón Blindada


Fun este xoves á Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Vou cada ano, sempre que podo, cando menos unha vez. Gústame estar no auditorio do castelo, petadiño de xente, baixo as estrelas, gozando de ver bo teatro. E tiven sorte desta volta. Vaia se a tiven. Encantoume a obra: La Razón Blindada, de Arístides Vargas, intepretada por Arístides Vargas e Gerson Guerra. A mágoa que teño de non contar co texto! Dous presos que foxen cada domingo coa imaxinación, porque esta é o único xeito posible de non pensar na realidade na que viven. A literatura como única arma posible ante uns barrotes imposibles de franquear: De la Mancha e Quijote representan os seus papeis sobre a marcha, porque non lembran o texto literal, e van saíndo ao paso. Con frases contundentes sobre os políticos e sobre os humanos, os espectadores conmovémonos e rimos cando cada domingo se xuntan nesa necesidade de fuxida que medra sen parar, e sen fin. Porque a dor, os malos tratos, a dureza das súas vidas que adiviñamos detrás e que eses presos vives todos os días da semana agás ese momento dos domingos, son esquecidos para xogar coa imaxinación e a literatura. Porque ata o máis incrible pode ser aceptado neses momentos de lecer: converterse en calquera personaxe é doado, en can, en cabalo..., pasear polo deserto, ou pola chaira... só compre viaxar coa mente, porque é o único xeito de supervivencia.


2 comentarios:

Carmen dixo...

Concordo plenamente co que dis, impresionante posta en escena, sen adornos, só palabra que conmove e arrepía e xesto que estremece. Puro teatro! Como conseguir este magnífico texto??

Ronsel dixo...

Iso quixera eu, conseguir o texto! Carmen, foi un pracer verte, novamente, coma sempre. Un bicazo.

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.