Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

11/08/11

Cabalo de ouros

Recoñezo que tiña certos prexuízos e tardei en comezar esta novela que, admítoo, opino que é boísima. Víctor F. Freixanes atrápanos con este Cabalo de ouros, publicado por Galaxia, cunha historia ben afíada, inesperada, do mellor da literatura galega que teño lido ultimamente. Unha historia a maior parte das veces aceda, dura, como duros foron os tempos que rememora, triste, silandeira, e sobre todo chea de forza. Freixanes non só xoga co narrador-lector, senón que tamén é quen de aportar un cantar de cegos na novela, logrando un encaixe de bolillos camariñés perfecto no que abraian os saltos e os ritmos narrativos, rematando nunha puntada final venezolana totalmente inesperada polo cambio da liña narrativa que nos envolve ata as últimas liñas. E máis inesperado resulta que todo este tecido se teña en pé arredor dunha partida de cartas, ben longa por certo, ben cheíña de cartos tamén, pero que na arañeira de personaxes cobizosos, maledicentes, teimudos, e mesmo tenros, vai desenvolvendo o nobelo dun amor non tan imposible que nos tensa ata o final.
Non sei, repito, pareceume -e soprendeume- boísima.

“Lembro a súa ollada clara, case que líquida, fóra do mundo dos vivos, ela tamén. A vida pasa polas cousas, pola memoria dos feitos e polas criaturas que tales padeceron. O que noutrora foi furia e desolación, ferida e castigo, materia pezoñenta que apesta o mundo, o bálsamo do tempo cicatriza, non sei se cura, en calquera caso adormece, as máis das veces para sempre”

2 comentarios:

anxoboiro dixo...

Ola, non lin nunca nada de Freixanes, anoto Cabalo de ouros na lista de libros pendentes de ler.
Saúdos

Ronsel dixo...

A impresión que tiña dos seus libros anteriores era espantosa, por iso este sorprendeume tan gratamente. Xa me contarás a túa opinión, por favor.
Saúdos

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.