Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

03/08/11

In vino veritas

Deixoume un sabor agridoce a lectura de In vino veritas de Francisco Castro, publicado pola editorial Galaxia. E digo agre porque, como lectora de novela negra, non gosto nin comparto esa crítica -ou parodia- a este xénero que hai no libro, e digo doce porque o libro lese con ganas, querendo avanzar na trama, nunha trama de novela policiaca que engancha. Non me gusta, porén, a voz do narrador, ese narrador resabido e impertinente que está por riba do ben e do mal e que se permite guiar os personaxes coma se estes fosen monicreques nas súas mans, sen vida propia. E non me gustou tampouco a serie de tópicos que encerran as primeiras páxinas.
A pesar disto, o libro resulta interesante como crítica ao "telelixo" ou "prensa porca" (como o narrador quere denominalo), un debate que debemos ter presente cada día que prendemos a televisión; é por iso que coido que o libro pode resultar moi boa recomendación para un club de lectura, lugar de reunión e de debate que pode dar moito de si para falar da idiocia da nosa sociedade fronte e dentro da televisión. Ademais, o mundo das relacións sadomasoquistas chama a atención, como tema moi pouco tratado na nosa literatura e que o autor trata con detalle e esmero. Así como o mundo enolóxico e de produción vinícola.
De todos os xeitos, hai unha escena que penso non se desenvolve como é debido e quedo con ganas de lla preguntar ao autor por mor de desenleala. Curioso, asemade, final cheo de mortes -desmesurada é a palabra, pero obrigatoria como paradia do xénero- que o lector non maxina dado o ton da novela e que aumenta o ritmo narrativo conforme nos achegamos a este.

Por certo, é só cousa miña ou Francisco Castro, como bo vigués, confunde en ocasión os verbos "ver" e "mirar"???


1 comentario:

Anónimo dixo...

a min gustoume bastante

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.