Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

01/08/11

Luna Helada

Volvendo de cando en vez á novela negra, cheguei a este libro por unha recomendación -e préstamo- dunha experta neste xénero. Luna Helada é de Jan Costin Wagner e está publicado por Edhasa. Un libro que nos chega novemente dende o frío norte, Finlandia.
O libro engancha dende a primeira páxina. O autor ten a habilidade de presentarnos un detective que está a pasar o peor momento da súa vida, e nós camiñaremos ao seu carón acompañándoo nesa tristura infinita e inclasificable, a morte do seu ser máis querido. E ao mesmo tempo comezamos a coñecer un asasino diferente, un asasino con conciencia que tentará finalmente restaurar o que xa non ten solución. E así paseramos entre as páxinas do libro case sen respiración, porque as pausas serán o máis curtas posibles.
O policía, como adoita suceder na novela negra actual, e máis se é nórdica, é un personaxe "normal", nada extravagante, con problemas que calquera podería ter, e sempre respectuoso coa lei e cos seus compañeiros. Isto é algo que os afasta dos detectives americanos.
Teño que dicir que non me gustou moito o final, a "solución" non é para min a mellor posible. Pero é un libro moi recomendable para os amantes da novela negra.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.