Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

08/09/11

Centauros do Norte

Acerta novamente Marcos Calveiro con este libro, premio Raíña Lupa 2010, Centauros do Norte publicado pola editorial Rodeira-Edebé.
Viaxamos con esta lectura ao México de hai un século, un país que vive na pobreza baixo a opulencia duns poucos oligarcas. E é nese México onde Pancho Villa decide intervir. Un home que soña cunhas terras divididas e un país culto, que instaura a revolución para liberar o seu país. E nese soño acompañarano miles de persoas, anceios de igualdade que se solventarán...
Pero sobre todo estará, ou non, ao seu carón, un neno que non ten a ninguén agás a súa música e os seus propios valores, que non sempre coinciden cós do xefe. Un mozo que se namorará, sufrirá e fuxirá buscando outra existencia, e que a atopará tentando ocultar os remorsos desoutra vida vivida.
Como telón de fondo, o cine, unha cámara que non grava os sons pero si as imaxes e que pretenden ser un testemuño desa revolución real que acontece. E que nos dará un final, como cando vemos na gran pantalla ese "The End" que nos fai erguer das nosas cadeiras, para levar na nosa mente as imaxes, as conversas, e revivir aquilo que máis nos impactou. Porque con este libro ocorrerá o mesmo: vivirán os seus personaxes en nós un tempo, soñaremos nós tamén cun país culto (e tanto!) procurando unha revolución silenciosa nun filme que teña asemade un final feliz.
Semella que Marcos Calveiro domina a perfección a relación entre un home con sona e un neno, como xa fixera en O pintor do sombreiro de malvas. Detrás, un exhaustivo exercicio de documentación sobre a época que relata e unha narración que atrapa, cuns personaxes que nos encantan, son as claves da obra. Un libro que necesitará de lectores avezados para gozar plenamente de cada unha das súas liñas, teñan a idade que teñan.
E porque eu amaba tamén os wesntern, tantas horas admirando a súa valentía e as súas batallas, doulle as grazas a Calveiro por esta homenaxe que compartimos.


1 comentario:

Anónimo dixo...

Este Calveiro non para. Non sei onde atopar tempo para tantas propostas

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.