Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

02/09/11

Lume de cobiza


A nosa prezada colaboradora Rosa Salgueiro, que ultimamente case nos esquece, volve hoxe para comentar e recomendar o último libro de Miguel Anxo Fernández, Lume de cobiza, publicado pola editorial Galaxia. Moitas grazas e benvida de novo, querida amiga.

O último caso do detective Frank Soutelo, creado por Miguel Anxo Fernández para a obra Un nicho para Marilyn, titúlase Lume de cobiza e parece gozar do beneplácito do público lector a xulgar pola rapidez con que se esgotou a primeira edición. En efecto, é unha novela de lectura cómoda, agradable e amena, aínda que ben puidese ser que aos lectores e lectoras máis expertos en novela negra lles poida saber a pouco.

A acción, con moitos toques cinematográficos debedores dos gustos e o coñecemento do propio autor, sitúase desta volta en Galicia, onde un mozo aparece morto supostamente de sobredose, pero a realidade non foi tal, claro. A investigación de Soutelo lévao a furgar entre especuladores da construción e grupos de defensa da terra, unha terra que se nos mostra arrasada polos incendios, pois os feitos desenvólvense durante o verán de 2006. A proximidade dos escenarios (Santiago, Muros, Sanxenxo, Vigo, O Carballiño....), dos acontecementos reais que actúan como marco da narración, o perfil dalgúns “malos” e o sentido do humor do protagonista son parte dos puntos fortes da novela. Tamén me parecen ben logrados personaxes como Poncio, Dalia Maxino ou a tía Castora.

Escrita, ao meu parecer, sen grandes pretensións, acada os seus obxectivos por canto consegue manter un nivel medio de interese ao longo de toda a historia, aínda que haxa algunhas situacións nas que se forza un pouco a verosimilitude como, por exemplo, na facilidade coa que Frank acepta o caso ou na transformación vital de Anxélica.

E se despois de ler a novela quedades con ganas de máis, podedes visitar a súa páxina web: www.franksoutelo.com.


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.