Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

07/11/11

Blanco nocturno

Ricardo Piglia é o autor desta magnífica novela Blanco nocturno publicada por Anagrama. Un libro que acadou varios premios e que se basea nunha orixinal trama policíaca (pero que lonxe da novela negra típica!) que se mestura con relato histórico e a metaliteratura. Unha historia policíaca, dicimos, orixinal, porque o comisario encargado da investigación do asasinato resólveo pola metade da novela. No senso máis estrito da tradición este comisario ten un personaxe ao seu carón con quen pode discutir os seus argumentos; pero este personaxe acaba traizoándoo, polo que se afasta xa da tradicional novela negra. Tampouco lle axuda a xustiza, encarnada no fiscal Cueto, quen quere destruílo a toda costa por propia corrupción. Así que o comisario debe ser tirado do medio e será o gran protagonista da novela, un xornalista que vén da cidade -e que vai analizar o comportamento do ser humano no rural en contraposición co urbano- e que é o personaxe principal de Piglia en todas as súas novelas. Con eles paseamos pola historia arxentina, baixo o temor ou a ameaza do regreso de Perón e pola historia da corrupción dun pobo que quere medrar inda que cumpra asasinar a quen moleste.
Resulta tamén diferenciador o feito de integrar as notas a pé de páxina, así como a historia da familia principal como espello doutras moitas familias da Pampa arxentina. Todo isto aumentado en diferentes versións e perspectivas.

2 comentarios:

anxoboiro dixo...

Ola, lino hai uns meses e gustoume moito
Saúdos

Ronsel dixo...

Ando atrasada!

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.