Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

16/11/11

El autobús de Rosa


Tan pronto como vin este libro pensei inmediatamente en Agustín Fernández Paz. Un álbum ilustrado, sinxelamente precioso, que sei que lle vai encantar porque fala da historia de Rosa Parks, unha persoa esencial na historia da humanidade e que eu coñecín grazas a un correo del hai tempo e que ilumina a portada do seu último libro.
Estou falando de El autobús de Rosa de Fabrizio Silei con ilustracións de Maurizio A. C. Quarello, publicado por Barbara Fiore. O libro achéganos a historia de Rosa Parks dende a perspectiva dunha testemuña que estivo alí e non tivo o mesmo coraxe ca ela, algo que desexa transmitir ao seu neto. Por iso, afirma, el non forma parte da historia e ela si, xa que a valentía que ela amosou non é común.
O autobús consérvase no Museo Henry Ford en Michigan.
As ilustracións son fantásticas, semellan cadros feitos a pastel, sen cores para a parte histórica e con cores na época actual cando vemos a historia do avó e o neto.






4 comentarios:

Agustín Fernández Paz dixo...

Moitas grazas por dardes noticia deste álbum, que tentarei mercar canto antes. E si, vaime emocionar lelo, como xa me emocionou ver este post. Rosa Parks é, para min e para moita xente, un exemplo de loita firme e pacífica pola liberdade. Unha constatación de que as nosas actitudes na vida cotiá tamén axudan a mudar a sociedade. Que ben, que se publique este álbum!

Ronsel dixo...

Se te tivese máis preto, este libro sería teu antes ca meu, porque cando o collín o meu primeiro pensamento foi: que agasallo tan bo para Agustín! Mágoa!
Moitas grazas, unha vez máis, por estar aí. E por parar o tempo coas túas palabras aquí.

Vero dixo...

Grazas por a túa entrada. Coñecía o libro e tiña ganas de lelo, agora máis. Un saúdo.

Ronsel dixo...

Grazas a ti por achegarte ata esta fiestra. Saúdos

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.