Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

26/11/11

Semanas, meses

Reko e Tina Lundán escriben a dúas mans Semanas, meses, publicado pola Faktoría K. Non estamos lendo unha novela, senón un diario da dor, da perda, do sufrimento, da morte. É un relato desolador e terrible de como unha parella con dous fillos se debe enfrontar a un cancro terminal. Dende os dous puntos de vista, as dúas vítimas do sufrimento escribirán sobre o día a día, os seus medos e o seu agotamento, sobre o cotián que non volverá, sobre o amor e a tristura da perda. Non é ficción, é realidade: o lector verase envolto nun mar de dúbidas pero tamén de certezas, de angustias combinadas con ledicias, desas contradicións eternas que compoñen a vida de cada un. Así, repensaremos como espectadores e posibles protagonistas que é o máis importante, como sería a despedida, eses anceios de vivir aos que nos aferramos cun ferro ardendo.
Quizais o máis interesane é o punto de vista da muller, o recoñecemento do egoísmo que ás veces é imparable, o esgotamento, a loita de sentimentos antagónicos que, como é lóxico, xorden nela de cando en vez. Chama a atención a aparente frialdade coa que está escrito o libro nesta loita que só ten un fin posible.
Unha lectura máis ca interesante.

Minna

Logo de preguntar polo tempo, entendín decontado que fora un erro. Aki palideceu e temín que sufrise un novo ataque. Metín a man no seu peto e saquei unha latiña de caramelos que contiña tranquilizantes. A pílula quedou rodando na súa boca. Eu coñecía o sabor fariñento e nauseabundo do valium seco cando se apega ao padal. Na miña cabeza golpeaban aínda as palabras da médica. Que pouco tempo de vida lle dera ao meu marido!

Aki

Que sentido ten comezar a escribir unha novela cando se chega á casa do hospital, despois de saber que se teñen semanas ou meses de vida? Nin na fase máis eufórica, producida pola cortisona, sería posible cumprir a tarefa a tempo. E por que estraña razón debería escribir fose o que fose ata as derradeiras forzas? Non sería máis importante lerlle un conto á pequena Kerttu todas as noites? Falar con Saara sobre como foi o día?



Unha vez máis, moitas grazas Ramón polo agasallo e parabéns polo traballo.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.