Repousando tanto álbum ilustrado -e os que me quedan aínda da exposición sen ler!!!- escollín da morea de libros que me agardan na casa para seren lidos este, sen lembrar o porqué da súa compra. Abofé que é boísimo e acertei de pleno na escolla! Esperando noticias, publicado por Lumen, é de Kate Atkinson e é unha novela negra, ou policial, ou de personaxes, porque o que máis destaca no libro é precisamente o tratamento destes e o excelente acabado dos seus retratos. De fondo, unha historia ocorrida trinta anos antes coa que comeza o libro para enganchar o lector. Eu case diría que non é novela negra, se acaso gris.
É un bo libro máis que recomendable, mesmo con sentido do humor, e cunha prosa que atrapa o lector dende principio a fin. Por unha vez, se de novela negra se tratar, non é o argumento o máis importante, senón o xeito de levarnos duns personaxes aos outros, unidos polo destino e a casualidade, as lembranzas e os anceios de futuro, a ironía, o relato en si, e a realidade cotiá onde a morte é un elemento máis co que convivir.
E ata o ritmo se afasta da típica novela negra: non é veloz nin arrebatador, chega mesmo a ser pausado en ocasións, permite enlearse na maraña de pensamentos e pasado dos personaxes, e de cando en vez volta a ser frenético para darnos unha puñada na realidade actual da novela e avanzar na súa resolución. Un interese sempre conseguido nas case 500 páxinas das que consta.
Así que si, novela negra de calidade e máis alá, novela para ter en conta nas próximas vosas lecturas.

Sen comentarios
Publicar un comentario