Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

20/01/12

Lo que sé de Vera Candida

Publica Salamandra esta fermosa novela da francesa Véronique Ovaldé Lo que sé de Vera Candida. Unha saga de personaxes femininos da mesma familia que nos vai enternecendo a medida que avanzamos na lectura e nos deixamos envolver pola forza prosística dun novo realismo máxico que é quen de dar ao mundo libros coma este. Un libro que xira ao redor do medo ao mundo e ao amor, do hermetismo natural que nace case xeneticamente impelido polas circunstancias, do sexo como pracer cando é consentido, da sociedade absorbente e machista... O libro é unha tea de araña que te vai envolvendo querendo introducirte na alma do personaxe principal para tentar comprender as mulleres da familia e as circunstancias.
Se ben a autora é francesa, será a globalización, é un dato que esquecemos inmediatamente para pensar que estamos en mans dunha autora ou autor hispanoamericano: a atmosfera, a ambientación, os personaxes... todo o conxunto convéncenos deste feito, erro que subsanamos ao ler a biografía da autora. O poder de evocación da novela é exquisito, cunha abondosa adxectivación que non resulta pesada pero si envolvente.
Teño que recoñecer que nun principio non me atreu demasiado, que a estaba a ler por recomendación e préstamo fervente dunha amiga lectora, pero a medida que as páxinas avanzaban, eu voaba: lino dunha atacada.

Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.