Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

01/01/12

O imposible de desatar


Comezamos un novo ano e o mellor xeito de celebralo foi atopando unha nova colaboradora para o noso blogue, unha persoa moi prezada que nos vai axudar a descubrir novas lecturas. Moitas grazas Carme por achegarte a esta nosa e túa casa. Agardamos que esta sexa a primeira de moitas colaboracións túas.
O libro que nos propón hoxe é O imposible de desatar de Iván García Campos, publicada pola editorial Galaxia.

Despois da lectura do premio Blanco-Amor do 2010, O imposible de desatar, da autoría de Iván García Campos, pódese dicir que é desas novelas que pagan a pena, e non sempre conveñen estas palabras para todo aquilo que, en forma de libro, unha colle coa esperanza de que lle deixe un chisco de pouso.
Nunha eficaz mestura de voces narrativas (narrador externo, ademais dos pensamentos e voces directas dos personaxes), imos coñecendo aos poucos a Helena, Francisco, Marcos e Cristina, intuíndo e deducindo o porqué da deriva das súas vidas. Ah!, esquecía a Sara, que sempre está “alí”.
A incomunicación entre eles aséntase en miradas furtivas e silencios incómodos que se acaban tornando habituais. Resúmeo moi ben o narrador cando di “Quedaron tempo abondo en silencio, mentres se movían pola cociña sen ollarse” (páx.22). Os camiños que levan a nai, pai, irmá e irmán a esa ruela sen saída son diversos, pero tamén semellantes, pois en todos eles hai sufrimento e soidade, unha soidade que non saben romper a tempo. Isto fai que cada un busque un xeito de evadirse, unha especie de cápsula de illamento (os westerns, a TV, o móbil, os reloxos…) .
Ao longo da novela os personaxes choran, sempre a soas, provocándonos unha sensación de angustia e unha ansia de consolo, porque ás veces gustaríanos entrar no seu salón, na súa cociña ou nas súas habitacións e darlles unha aperta quente e fonda.
O contraste edulcorado con esta familia aparece na parte titulada “(Extra)”, que representa unha peza clave na interpretación da historia.
Como remate, só unha frase do irmán: “lembro cando os cinco iamos cear os sábados a un restaurante que había nun barco e que se chamaba Alcatraz e que tiña un gran acuario e logo bailabamos os cinco agarrados na cuberta e…”. Tamén houbo tempos mellores que se recordan.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Felicitar a Carme por esta achega que esclarece algo máis a lectura dificultosa desta novela na que tiven que ir para atras e volver. Isto fixo que non me deixase moi bo sabor de boca.
Grazas

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.