Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

09/02/12

do desexo en corpo e sombra

Na procura de máis poemas de amor para o próximo 14 batín con este libro que non coñecía de Miguel Anxo Fernán-Vello: do desexo en corpo e sombra publicado no ano 84 polo Concello de Vigo con ilustracións de F. Mantecon e que foi merecente do premio Celso Emilio Ferreiro no ano 83.
Gustoume o poemario, onde amor e erotismo van da man, sen grandes espaventos pero con moita fondura.

Ás veces un non sabe que o desexo é un silencio
que nos medra na boca
como unha sede lenta e amorosa de beixos

Ás veces um non sabe por que nos doen as cousas
que queremos co corpo
coa pel
coa soidade dos dedos
coa palabra caída

dentro da voz calada

Morremos lentamente desde o desexo íntimo
de amar

Morremos desde os ollos
desde a carne sen céu
como as nubes da tarde que se morren sen luz

Morremos en silencio
e só fica o amor
e o desexo


Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.