Publica Kalandraka este fermosísimo libro ilustrado con texto de Pedro Villar Sánchez e ilustracións de Miguel Ángel Díez: El pastor de nubes é unha historia preciosa que nos fala da importancia da palabra como superación e de perseguir os nosos propios soños sen rendernos con facilidade. Un neno que non comparte as inquedanzas do seu pai e que decide seguir as súas propias, aquelas que lle son transmitidas polas gotas de auga de choiva, polas nubes, todas as palabras transformadas e agochadas en cada un dos elementos da natureza que o rodean e que ao saír a luz convértense en extraordinarias historias que transmiten un grao de felicidade incomparable, como o que se sente cando se ve por vez primeira o mar.
O autor converte así este pequeno relato nunha homenaxe á palabra e ao seu poder máxico, á transmisión do relato oral, á riqueza que a lingua nos ofrece, aos soños que cadaquén posúe e á sensibilidade máis libre da literatura.
E se a historia nos gusta, que dicir das ilustracións? Tenras, máxicas... conforman a súa propia historia, aquela á que volveremos sen necesidade de reler o texto porque elas soas nos contas que os soños son importantes e que a maxia e a beleza está en todo canto nos rodea. E con elas, ese neno protagonista, soñador e real, acompañaranos durante moito tempo.
2 comentarios:
Mil gracias¡¡¡
Gracias a ti por crear relatos tan hermosos. Y por visitarnos.
Publicar un comentario