Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

07/02/12

Mulleres diamante

Vin no Facebook de Paz Raña Lama este seu texto e non podo deixar de publicalo para que tod@s o poidades ler. Comenta el que o interpretou Uxía Blanco momentos antes dunha videoproxección de mulleres operadas de cancro de peito, e que o acto estivo cheo de emotividade. Non podía ser doutro xeito.
Grazas, Paz.

Para todas as mulleres que levan a luz prendida nos ollos.

Estamos ante unha extraordinaria exposición, onde imaxes e testemuñas de mulleres con cancro nos agasallan cunha perspectiva de sabedoría e madurez que nosenriquece en coñecementos e sentimentos.

“Cada persoa ao nacer posúe unha dobre cidadanía, a do reino dos sans e a do reino dos enfermos. Todos prefeririamos utilizar só o pasaporte bo, pero tarde ou cedo cada un vese obrigado, polo menos por un tempo, a identificarse como cidadán daquel outro lugar”. Este parágrafo escrito durante un proceso canceroso pola polifacética e exemplar Susan Sontag, logra conmover ata o máis íntimo con cada nova lectura.

Cando me enfrontei por vez primeira a unha situación de gravidade, pensei que era vítima dun feitizo ou dunha maldición, unha sorte de infortunio que comezou a invadir as zonas máis suaves dos soños, sen pago de ningún tipo de peaxe.
Pensei que todo ía terminar, que xa nada pagaba a pena. Quería claudicar ante o previsto esforzo desmesurado, que implicaba o medo ao descoñecido, a compañía da dor.
Pero non foi así: a adversidade, a evidencia de que a nosa biografía é un lugar de incertezas, a consciencia nos terribles momentos en que a vida nos pon a proba, tamén nos proporciona unha perspectiva que humaniza, porque só estando na máis profunda escuridade pode apreciarse a alegría que agarda ao traspasar a fronteira onde bate con enerxía tanto o que somos como o que queremos ser.
Daquela, aprendemos a mirar sen medo os peitos de muller, ollando as cicatrices que esconden feridas na intensa xeografía do corpo e da alma, signos encadeados dalgún alfabeto do pasado que se empeña en perdurar.

Unha foto, unha palabra, poden reducirse a trazos de luces se ficamos na superficie, a figuras que nos devolven, a cámara e a voz, coa precisión exacta que lles dá a maxia da técnica.
Ten que ser a nosa mirada, bañada na inmensa capacidade de asombro, a que nos permita traspasar a delgada liña do aparente para darlle un significado ao percibido. E aí comeza, nesta excelente videoproxección, a verdadeira aventura da solidariedade e da empatía: estar con… acompañar a… pórse no lugar de…

Un manancial nutricio, un amparo acariñado por mans orvalladas de desexo. Esculcar o que hai tras cada imaxe, tras cada frase pronunciada con emoción, é a mellor aprendizaxe que podemos facer para deseducar os prexuízos que adquirimos sobre a enfermidade.

E, neste exercicio de observación consciente, podemos adiviñar unha muller ferida que coñece a expresión de contrariedade no especialista que lle comunica un diagnóstico adverso.
Vemos tamén á muller que precisou dun refuxio emocional onde descargar os medos que asaltaban o seu pensamento.
Tamén apreciamos á muller que tivo que interpretar ante a familia, quizá ante as amizades, un papel para o que non houbo ensaio previo, o da valentía e a determinación.
E a muller que coñece a base da xenerosidade e se preocupa do benestar dos seus, organizando as pezas dun puzzle nun mundo fragmentado.
Unha muller que pasou por terapias e pousou os ollos húmidos no espello da reflexión, e, nese diálogo consigo mesma, consentiu a posta en escena dunha trama curiosa que a devolveu a un mundo primitivo de pálpitos e sensacións.
Era a muller que temía espertar estremecida sentindo a conciencia da súa vulnerabilidade.

Pero sigamos co exercicio e deteñámonos ante a poderosa atracción das fotos e das frases máis sinceras, reparemos que nalgunhas imaxes e palabras, onde antes só había a marca da ferida, hai agora un peito firme que proclama o ocaso das pantasmas que se instalaran no seu tempo e no seu espazo vital. Imaxes e palabras que só poden ser percibidas dende o fondo do corazón e do diálogo con nós mesmas. Que nos ensinan a luz que os ollos e os oídos capturan con avidez e dirixen acertadamente a este mundo saturado de penas e gozos.
Imaxes e palabras que sosteñen a ilusión de ter viva a memoria, ese territorio conxugado en pasado ao que podemos volver, doutra maneira, nunha relación libre. Imaxes e palabras, en fin, que conducen a un futuro onde as borrascas que nos acosaron queden, finalmente, sen substancia.

E aquí nace a limpa homenaxe que é necesario facer á, non sempre comprendida, muller ferida. Acompañala sen tropezos no camiño da esperanza, non só cun discurso cheo de contidos en perfecta alineación lóxica que lle despexe as dúbidas e os temores, senón tamén cunha actitude de cercanía que recolla un tempo onde os desexos de mellora naveguen en liberdade por un océano tranquilo sen o peso das limitacións e as frustracións.

Como escribiu Xesús Rodríguez Jares, durante un proceso canceroso: “A esperanza é unha necesidade vital, o pan da vida, forma parte da máis pura esencia da natureza dos seres humanos. Somos os únicos seres vivos que aspiramos a procesos de cambio para desenvolver as nosas condicións de vida e que soñamos en tempos distintos porque o mundo non acabou e estamos sempre no camiño sabendo que o mellor está aínda por chegar”.

Hai, pois, un lugar para a esperanza, e moito amor que nos rodea e nos protexe, afectos e recursos, que, en conversación permanente, esbozan unha liña diáfana na que a nosa entidade cobra máis vida e provoca que o tesouro que levades dentro saia á luz, coa lenda de brillo e fortaleza que posúe o mineral máis duro: o diamante.
Porque sabemos que a esperanza está poboada de soños que soñamos espertas.



Sen comentarios

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.