Blogue de Gracia e de Anxo, blogue de pingas e de icebergs, do que nos preocupa ou nos chama a atención, de biblioteca e de aula.

28/03/12

Eloxio dos bos libreiros e libreiras

María Lado en Praza Pública:

Hai persoas que senten a necesidade de ter un avogado de cabeceira. Esas, é evidente, non son xente de fiar, en que andan metidos para que lle faga falla un letrado localizable durante 24 horas, 365 días ao ano? Porén, outras consideramos que é mellor inversión ter un libreiro a man, alguén como da familia a quen recorrer cando as cousas se poñen malas para atopar unha lectura sandadora, e cando as cousas se poñen ben para procurar un libriño co que celebralo. Por suposto, somos xente á que aqueles que teñen avogados de cabeceira, acabarán timando.

Outras consideramos que é mellor inversión ter un libreiro a man, alguén como da familia a quen recorrer cando as cousas se poñen malas para atopar unha lectura sandadora

Ben certo é que para ler non é preciso mercar, aí están as bibliotecas que tantas veces nos salvan a vida, pero posuír é algo que se aprende dende moi novo -instálaseche no cerebro o día que che rouban a primeira merenda no parque-, e cos anos un acaba afacéndose a ese delirio do capitalismo que é a propiedade privada, algo que a literatura como tal non precisa realmente. Outra cousa é esa entelequia que chaman sistema literario, ese negocio, que agradece que haxa persoas compulsivas coma min que gastan os vinte euros que tiñan destinados ao aforro nunha edición moi bonita dun libro que xa lemos hai dez anos simplemente porque podemos e nos apetece telo.

Tampouco é imprescindible para a lectura ese gasto luxurioso do papel, pero confeso que a min toda conciencia ecolóxica, tecnolóxica e anticonsumista me desaparece cando entro nunha librería. A min gústanme os libros polo que din e por como son. Gústame adormecer sobre eles, metelos no bolso, dobrarlle as páxinas polas esquinas, marcalos con lapis... atopo un pracer vicioso en botarlle as mans enriba e fágolles todo o anteriormente descrito (agás o de marcalos co lapis) mesmo cando son prestados. Precisar ter un libro entre as mans é algo imposible de explicar, pero aquí cada un ten as súas toladas e eu non me meto con elas. Ademais a miña loucura contribúe á economía de tres ou catro familias de libreiros, que tamén teñen que vivir.

Teño especial debilidade polos bos libreiros -e libreiras- que rexentan negocios anormais, excepcionais, neste país fáciles de recoñecer porque adoitan ser os mesmos que saben que Gallego non é en si un único xénero literario que cabe en media ducia de andeis -onde teatro, narrativa e poesía aparecen mesturados con desleixo e sempre a rentes do chan, obrigando aos interesados a adoptar posturas imposibles. Os bos libreiros son xentes que che falan dos libros co pracer de tratar de obxectos marabillosos, de recomendalos, de coñecelos, mesmo se despois venden poucos deses e as súas economías subsisten co best-seller e o libro de texto. Son profesionais que procuran o que lles pides moito antes de pronunciar a palabra descatalogado, que son quen de recomendarche un libro e acertar, incautos que teñen o atrevemento de non poñer vampiros e homes lobo nos seus destacados, que senten paixón polo que fan e respecto polo oficio, a literatura, a cultura e a lingua. Con esa entrega, é imposible non ir de librerías coa devoción coa que un cristián vai á misa.

Teño especial debilidade polos bos libreiros -e libreiras- que rexentan negocios anormais, excepcionais, neste país fáciles de recoñecer porque adoitan ser os mesmos que saben que Gallego non é en si un único xénero literario

Un bo amigo e gran lector, Jorge, recomendoume que mercase un libro electrónico, que así lería moitos títulos deses nos que nunca gastarías vinte euros. A min non me convence. Eu se xa vou con esa idea, é dicir, se xa me cheiro que o libro non vale os vinte euros, non me mato en lelo. Pero aínda así, se Jorge insiste, poderei ilo sacar á biblioteca, pracer recuperado neste último ano, e tan felices. Confeso que quero con devoción os libros e que me gusta moito ir onda os meus libreiros, eses seres felices que acertaron co seu oficio -algo, polo que vexo, moi difícil nestes tempos- para os que un cliente é alguén como da familia. Fronte aos avogados de cabeceira, os libreiros que frecuento só teñen un defecto: non están localizables as 24 horas, 365 días, pero que carallo, para as urxencias lectoras ben vale internet.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Sempre tan certeira esta muller

Neste blog utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor, rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.